“Hai mellores usos que plantar eucaliptos en miles de hectáreas”

Erva e Luita Verde acaban de organizar a primeira reunión de 20 colectivos para formar unha rede contra a eucaliptización. Falamos cun dos seus promotores, Pedro Alonso, sobre como pensan meter presión á Xunta e aos concellos. Tamén abordamos, entre outros temas, a moratoria en Portugal e o “lobby” que une a ENCE con exministros e exconselleiros. Por último, Alonso, un dos maiores expertos sobre o lobo, recomenda “menos testosterona” aos bandos enfrontados.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 13/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O eucalipto leva décadas con presenza masiva nos bosques galegos. Por que agora Erva e Luita Verde se deciden a crear unha rede de asociacións contra o macrocultivo desta árbore?

Pedro Alonso, biólogo
Pedro Alonso, biólogo

Si, concretamente, leva tres décadas masificándose en forma dunha expansión acelerada produto da ausencia de política forestal impulsada desde a Administración Pública. No momento actual, ese proceso, que ven sendo denominado “eucaliptización”, pensamos que está a dar un salto cualitativo e ameaza non só os montes senón tamén as terras agrarias. O que está en xogo xa é a capacidade de produción agraria da Galiza do futuro. 

Na reunión de Moaña este sábado os organizadores din participaron uns 20 colectivos. Podería enumear cales foron exactamente?

Ademais dos dous colectivos convocantes, houbo colectivos de ámbito local, que abandeiran pequenas loitas ou focalizan o seu traballo en aspectos concretos, ecoloxía, cultura, patrimonio. Entre estes colectivos estiveron presentes representantes da Irmandade Illa de Tambo, Salvemos Monte Ferro, A Ría non se Vende, Adenco, Amigos do Morrazo Verde, Asociación Cultural O Millo Corvo, Asociación Cultural Rialdarca, Salvemos o Monte Pituco, Natura Céltica, Asociación de Proprietarios de Montes do Morrazo e da Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo. A nivel de asociacións e organizacións de ámbito galego estiveron a Organización Galega de Comunidades de Montes Viciñais, ADEGA, Sindicato Labrego Galego e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cal é o plan de traballo para sacar adiante a rede contra o eucalipto. Haberá máis xuntanzas? 

Reunión en Moaña de colectivos contrarios ao eucalipto
Reunión en Moaña de colectivos contrarios ao eucalipto | Fonte: P.A

A idea é ir convocando asembleas contra a eucaliptización nas comarcas ou áreas xeográficas onde exista un pequeno grupo motor, con capacidade de convocar e con previsión de resposta en forma de asistencia ás reunións e capacidade de traballo posterior. A medida que se vaian constituíndo esas asembleas iremos elaborando obxectivos, reivindicacións e argumentarios. Paralelamente, darase forma á coordinación galega nunha asemblea nacional. A dimensión e mesmo os obxectivos, virán dados por como evolucione todo isto.

Cando e onde?

De momento están programadas ou estamos a traballar na creación de grupos motores en cinco comarcas ou áreas xeográficas máis, Santiago e contorna, A Coruña e contorna, Galiza centro (A Ulloa, Deza, Lemos-Chantada, Melide-Arzúa), Barbanza e Padrón-Caldas-Cuntis-Moraña. Hai posibilidades de articular grupos en Ourense, Lugo e A Mariña. 

Cal vai ser a súa estratexia a nivel institucional? 

A idea é meter presión como nunca ata o de agora a nivel institucional autonómico, non vamos ocultar que isto é un dos obxectivos principais. Mais tamén é pór na axenda social, no día a día, a necesidade de que a xente pense con outro código as súas decisións respecto ao monte ou as terras agrarias.

O Concello de Poio xa aprobou por unanimidade unha declaración na que se pide a declaración do eucalipto como especie invasora e exótica. Planean tentar que outros municipios adopten unha postura similar? 

Desde logo, a vía das mocións municipais ten potencial e así se ten visualizado en Poio. Trátase dun instrumento atractivo, no plano argumental e na activación do debate social a nivel local. Esas cousas están ben. Tamén aspiramos a colocar o problema en escenarios habituais, na rúa, no monte ou no medio dunha ría, alá onde se poidan visualizar alternativas para este país distintas ao que supón estar debaixo da bota dunha multinacional pasteira.

A Xunta debería presentar en breve un novo Plano Forestal que se agarda inclúa algunhas restricións a plantación de eucaliptos. Debe a Administración Galega seguir un camiño similar a Portugal, onde se decretou unha prórroga pola que non se pode plantar eucaliptos en novas zonas?

Non plantar eucaliptos en novas zonas supón unha ruptura da continuidade mais non cuestiona a preponderancia do modelo político, onde un goberno elixido democraticamente abdica de exercer a soberanía e a competencia e actúa asumindo as eventualidades e necesidades dunha multinacional . Non serve deixar de plantar eucaliptos en novas zonas. Queremos que o eucalipto desapareza de moitas miles de hectáreas deste país, onde nunca se debeu plantar e onde hai alternativa para outras especies forestais e mesmo para outros usos, tradicionais moitos deles.

Polo contrario Adega, Amigos da Terra, APDR, Apropiga, CIG, Comité en Defensa do Monte Galego, FEG, Fruga, ORGACCMM, Ovica, SLG, SOS Coello de Monte e Unitega xa alertaron que o Plano responderá aos intereses das empresas. Até que punto que a política da Xunta sobre o eucalipto está condicionada polo feito de que un ex-conselleiro de Medio Ambiente (CArlos del Álamo) e unha ex-ministra de Medio Ambiente (Isabel Tocino) se sente no seu consello de administración?

Que sente ou non un exconselleiro e unha exministra no consello de ENCE non é máis que a expresión do poder do lobby monte-industria que pivota sobre esta multinacional. O problema é que se deixasen de participar se resentiría a engranaxe que leva funcionando e operando no control de centos de miles de hectáreas de monte neste país, movendo miles de millóns en materia de extinción de incendios ou xestión forestal, controlando emprego rural, votos e vontades de medio país. A ningunha das partes implicadas lle interesa fracturar esta alianza. E acontece que vai medrando o barullo contra o feito de que nos goberne un lobby e que o país se desangre económicamente, se degrade a súa ecoloxía e o seu patrimonio e, o peor de todo, que o noso medio rural perda vitalidade e estea a cada paso máis debilitado. 

Se ENCE non estivera en Lourizán, habería tanto eucalipto en Galicia? 

Non sei, nun radio de 500km ao redor do país hai outras cinco celulosas. Pero é óbvio que o asentamento industrial conleva a aplicación dun proxecto forestal. Pasou aquí e pasou no Uruguai, onde a eucaliptización progresa de forma lamentábel, impulsada por un goberno que se di de esquerdas. O que a xente costuma ignorar é que cando ENCE se instala en Lourizán o seu proceso industrial depende de madeira de piñeiro. No momento en que ENCE adopta o eucalipto, desprega unha estratexia poliédrica que conduce ao esfarelamento dos aserradoiros de piñeiro, ao desprazamento desta especie nos montes e á súa sustitución polo eucalipto, consolidándose en comarcas enteiras como único referente forestal e industrial, non hai máis que ir a concellos como Trabada e mesmo Viveiro.

Como intentaría convencer a un propietario dun monte de que non plantara eucalipto? Ao fin e ao cabo, todos o fan, e é unha árbore de crecemento rápido que nunhas décadas pode aportar uns ingresos, non moitos, pero máis que deixar as leiras abandonadas …

Pois se che son sincero, encóntrome frecuentemente con esa situación e non oculto a miña aversión a esta especie na nosa terra. Normalmente, dada a consideración xeral do eucalipto como árbore que podes vender, que che reporta uns ingresos e que representa unha garantía no investimento, pois é difícil convencer a ninguén, tras gastar demasiadas enerxías en tentalo. Desde logo, no tocante ás terras agrario, a elección de eucalipto é un erro clamoroso. Quen plante eucalipto no seu prado debe saber que, ademáis de ilegal, é contraproducente, porque está a alimentar un exceso de oferta de materia prima que vai ocasionar, no futuro próximo, unha caída brutal nos prezos, manexados seguindo a estratexia empresarial de Norfor, a filial forestal de ENCE. Aquí vale o de “prefiro plantar chícharos a ser un monicreque de ENCE”. Pero como isto é un problema político, é un problema de masa crítica, hai que facer presión nas esferas políticas e institucionais e que quen goberne contrarreste ese escenario favorábel ao eucalipto, estableza directrices de ordenación e restricións de usos, prioridades silvícolas ou doutro tipo de aproveitamentos en determinados montes, liñas de crédito ou adiantamento de rendas para quen decida investir en especies autóctonas de madeiras de calidade, favorecer a industria baseada nestas especies,  transformar a estrutura de propiedade, impulsando o asociacionismo e a xestión común das terras. En definitiva, tratar de convencer a unha persoa que ten monte sen meter presión onde hai que meter presión é como disparar ao ceo. E levamos anos facendo-o. 

Cambiando de tema, vostede é un dos biólogos galegos con máis experiencia no tema do lobo. Que lle parece o recente debate social sobre se deben autorizar ou non batidas para controlar unha poboación ante o suposto aumento de ataques aos rebaños?

É un tema controvertido, mesmo a nivel de persoas expertas. En dúas liñas é difícil explicar os factores implicados e cómo interactúan. O que si podo afirmar con rotundidade é que a protección estrita do lobo nos depararía un escenario moito máis adverso antes de cinco anos. E tamén, rotundamente, que hai que perseguir e acabar con esas escenas macabras de animais pendurados para facer dano a terceiras persoas. Son provocacións que restan forza e credibilidade a posicións que se deben defender por vías de sensatez. Neste conflito, a polarización ven ocasionada por referentes sociais que deberían controlar o seu nivel de testosterona.

Plantacións de eucalipto no norte da Península
Plantacións de eucalipto no norte da Península
Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente e membro do Consello de Administración de ENCE
Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente e membro do Consello de Administración de ENCE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 Anónimo

O eucalipto é GALEGO!

2 si home si

o eucalipto é galego, o mesmo ca o castelhano vilingue

3 pena

Que hay de cierto en la persecución de la dirección de Agader a el personal femenino?....política?

1 pedro. p.

Que esperas de un director que mantiene una secretaria para que le aporte las ideas de el bipartito o que resuelve de forma unilateral quedarse a cinco personas que cobran cada uno el sueldo de un conselleiro.

2 pedro. p.

Que esperas de un director que mantiene una secretaria para que le aporte las ideas de el bipartito o que resuelve de forma unilateral quedarse a cinco personas que cobran cada uno el sueldo de un conselleiro.

2 pena

Que hay de cierto en la persecución de la dirección de Agader a el personal femenino?....política?

1 peque

Que relación hay entre el yerno de una ex-conselleira, tragsatec y la consellería de medio rural?

1 paño

Y lo más grave la Secretaría Xeral es una mujer, y lo consiente.

2 pinto

Todas sus ideas se las está pisando el igape, ....jajajaja