Unha icona tumba o Barça

O Dépor vence 2-1 ao líder con dous goles galegos, de Joselu no primeiro tempo e o decisivo do capitán Álex Bergantiños a vinte minutos do final. O equipo coruñés suma catro partidos invicto con Pepe Mel, con 8 dos últimos 12 puntos e oito por riba do descenso.

Por gcdeportes | A Coruña | 12/03/2017 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo 2:
Poroto Lux; Juanfran (Laure, 86'), Arribas, Raúl Albentosa, Navarro; Álex Bergantiños, Celso Borges; Fayçal Fajr, Carles Gil (Emre Çolak, 61'), Bruno Gama (Kakuta, 71') e Joselu.
FC Barcelona 1: Ter Stegen; Mascherano, Gerard Piqué, Jordi Alba; Sergi Busquets, Sergi Roberto, Arda Turan (Andrés Iniesta, 57'), André Gomes (Irakitic, 57'); Denis Suárez (Paco Alcácer, 76'), Messi e Luis Suárez.
Goles: 1-0: Joselu (minuto 40). 1-1: Luis Suárez (46'). 2-1: Álex Bergantiños (73')
Árbitro: Fernández Borbalán. Amarelas a Navarro (13') e Joselu (36') no Dépor.
Incidencias: partido da 27ª xornada de Primeira División no estadio municipal de Riazor ante 28.473 espectadores, a mellor entrada da tempada

Ninguén o merecía máis que Álex Bergantiños, toda unha icona deportivista, que tras agardar dez meses para recuperar a titularidade na Liga, marcou coa testa o gol da vitoria ante o Barça e correu bicando o escudo para celebralo coa afección. O Dépor tumbou o Barça, que viña de acadar unha fazaña histórica co 6-1 ao PSG, con dous goles galegos: Joselu fixo o 1-0 no primeiro tempo e o capitán logrou o 2-1 a vinte minutos do final. Nada queda do Dépor deprimido e afundido que temía pola permanencia. Catro xornadas con Pepe Mel, catro xornadas invicto, con 8 dos últimos 12 puntos.

Joselu celebra o 1-0 ao Barça.
Joselu celebra o 1-0 ao Barça. | Fonte: lfp.es

O Dépor cedeu a posesión aos de Luis Enrique, pero apenas concedeu ocasións e durante moitos minutos non pasou apuros atrás, ben ordenado e maniatando o xogo azulgrana. E seu foi o primeiro achegamento á área rival, nun disparo de Joselu tras pase de Bruno Gama. Lux non tivo que intervir nos primeiros 25 minutos, ata que un erro na marcaxe permitiu a Luis Suárez rematar frouxo coa testa ás mans de Poroto Lux. Os minutos pasaban sen agobios para o Dépor, que ademáis buscaba a área rival pola banda de Juanfran. En troques, a mellor ocasión chegou pola esquerda, nun centro de Navarro e un remate cruzado de Joselu coa esquerda que despexou Ter Stegen con apuros a córner. No saque dende o curruncho, a defensa culé non despexa e Joselu aproveita o rexeite para facer o 1-0 co que se chegou ao descanso.

Pero trala reanudación, na primeira chegada visitante, Arribas non despexou de xeito contundente e Albentosa non pechou a Luis Suárez, que fixo o empate 1-1 nun rexeite. Golpe ao Dépor, que aínda así non lle perdeu a cara ao partido, e seguiu mantendo o orde, tapando os espazos ao Barça e buscando a área rival coa calidade de Carles Gil, Bruno Gama e Fajr.

Luis Enrique recorreu a Andrés Iniesta e Rakitic, e Pepe Mel deu entrada a Emre Çolak e Kakuta. O Barça apenas creaba perigo, e Joselu e Fayçal Fajr buscaron o gol con senllos disparos. Arribas estivo a piques de marcar coa testa nun córner, pero despexou atento Ter Stegen. No seguinte lanzamento dende o curruncho, Álex Bergantiños gañoulle o salto a Jordi Alba e fixo o 2-1 para ledicia da bancada de Riazor. Faltaban quince minutos para defender a vantaxe e sumar tres puntos impensábeis hai pouco. Poroto Lux evitou o empate nun remate claro na área pequena de Luis Suárez, en fóra de xogo que non foi sinalado, e Messi lanzou fóra unha falta ao bordo da área. Pouco máis na área local, pero Faycal Fajr, acompañado por Joselu, non soubo resolver unha contra na que chegaron os dous sós diante de Ter Stegen. Ao final, 2-1, e o Dépor que suma 27 puntos, oito por riba do descenso.

Álex Bergantiños bica o escudo para festexar o gol da vitoria ante o Barça.
Álex Bergantiños bica o escudo para festexar o gol da vitoria ante o Barça. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta