O Celta cae en Balaídos

O equipo celeste perde 0-1 co Vilarreal un partido que dominou pero no que lle faltou profundidade. Os de Berizzo, de novo con rotacións, suman catro xornadas sen vitorias, con tan só 2 dos últimos 12 puntos. O mércores, viaxe a Rusia para a volta co Krasnodar.

Por gcdeportes | Vigo | 12/03/2017 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 0:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez (Daniel Wass, 81’), Roncaglia, Carles Planas; Chelo Díaz, Radoja (Iago Aspas, 68’); André Hjulsager (Claudio Beauvue, 58’), Jozabed, Theo Bongonda e Giuseppe Rossi.
Vilarreal 1: Andrés Fernández; Mario, Musacchio, Víctor Ruíz, Jaume Costa; Jonathan dos Santos, Trigueros, Bruno, Soriano; Roberto Soldado (Sansone, 70’) e Bakambu (Samu Castillejo, 81’).
Gol: 0-1: Roberto Soldado (minuto 45).
Árbitro: Melero López (andaluz). Amarelas a Hugo Mallo (14’), Carles Planas (90’), Iago Aspas (90’) e Bongonda (91) no Celta e a Soldado (8’), Andrés Fernández (72’), Jaume Costa (73’), Jonathan Dos Santos (85’) e Musacchio (87’) no Vilarreal.
Incidencias: partido da 27ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 16.651 espectadores.

Soldado marcou o 0-1 para o Vilarreal nunha xogada a balón parado.
Soldado marcou o 0-1 para o Vilarreal nunha xogada a balón parado. | Fonte: lfp.es

O Celta levou a iniciativa e puxo as intencións, pero faltáronlle ideas nos metros finais e remate, e ao Vilarreal chegoulle con aproveitar unha xogada a balón parado para marcar o 0-1 pouco antes do descanso e levar os tres puntos de Balaídos. Ata Roberto Soldado recoñeceu ao final do encontro o inxusto do resultado. A Europa League despista o Celta, con rotacións e máis pendente da viaxe a Rusia, e os celestes, con esta derrota, suman xa catro xornadas de Liga sen gañar, con tan só 2 dos últimos 12 puntos.

Repetiron no once Sergio Álvarez e Hugo Mallo, e a parella de pivotes Chelo Díaz e Radoja. O Celta levou perigo en dúas accións rápidas nos primeiros minutos de Bongonda e o debutante como titular André Hjulsager, pero o partido enfriouse cunha dura entrada de Soldado, que deixou tocado a Chelo Díaz. Rossi tentouno cun forte disparo que rexeitou Andrés Fernández. O Celta controlaba e tiña máis posesión, pero faltáballe profundidade, e Sergio Álvarez evitou o 0-1 nun man a man con Soriano pasada xa a media hora. O Vilarreal igualou a posesión e atopou premio pouco antes do descanso, nun desaxuste defensivo a balón parado, que rematou Musacchio e desviou Soldado coa faciana ao fondo da rede. 0-1 ao descanso.

Trala reanudación, o Vilarreal renunciou o ataque e o Celta volveu ter a posesión, pero sen a rapidez e a verticalidade necesarias en ataque para sorprender o rival. Berizzo buscou máis profundidade con Claudio Beauvue no canto de Hjulsager xa no minuto 58. Os celestes dominaban pero non creaban perigo, e Iago Aspas entrou no 68 por Radoja. Os celestes, que reclamaron dous penaltis por mans de Víctor Ruiz en disparos de Rossi e Beauvue, non atopaban espazos para chegar a meta castellonenca. Berizzo prescindiu dun central (Sergi Gómez) e deu entrada a Daniel Wass, pero sen tempo para crear perigo, xa que o Vilarreal trabou o partido con faltas e perdas de tempo, e os celestes caeron na enleada.

Ao final, os tres puntos para o Vilarreal, que suma xa os 48 que marcan os postos europeos, mentres que os celestes quedan con 35. O sétimo posto está xa a tres vitorias. A vindeira cita trala Europa League, derbi en Riazor.

Claudio Beauvue protesta unha acción ao árbitro Melero López.
Claudio Beauvue protesta unha acción ao árbitro Melero López. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta