Saleta, podio en Tenerife

A pontevedresa Saleta Castro remata segunda no arrinque da tempada no Ocean Lava de Tenerife por detrás de Gurutze Frades. A seguinte parada, o Tríatlon Volcano o 29 de abril, antes do primeiro grande reto do ano: o Ironman de Lanzarote.

Por gcdeportes | Pontevedra | 13/03/2017 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

Podio en Canarias para comezar. A galega Saleta Castro terminou no segundo posto no arrinque da tempada no Ocean Lava de Tenerife, por detrás de Gurutze Frades, a outra española presente en Kona no Mundial Ironman 2016. A pontevedresa, de 29 anos, entrou en meta cun tempo de 4h:02:54, a pouco máis de catro minutos da ganadora, Gurutze Frades (3h:58:50), e case dez minutos por diante da xermana Lina-Kristin Schink (4h:12:06).

Saleta Castro, nun adestramento desta semana en Tenerife.
Saleta Castro, nun adestramento desta semana en Tenerife. | Fonte: instagram @saleta3

A outra favorita ao triunfo, a francesa Camille Delingny, tivo que retirarse por un problema na bicicleta cando rodaba en cabeza da proba con Frades e Saleta. A triatleta vasca escapou na parte final dos 82 quilómetros e chegou en solitario á T2, ampliando a vantaxe nos derradeiros 21 quilómetros de carreira a pé.

“Disfrutando de la primera carrera del año Ocean Lava Tenerife. Contenta con el resultado haciendo 2ª detras de la gran Gurutze Frades. Todo un lujo poder compartir carrera y estos dias aquí con ella ya que desde el Ironman de Hawai no nos veíamos. Arrancamos la temporada”, comentou Saleta Castro, este ano nas filas do equipo belga ITZU TriTeam, nas redes sociais.

A galega seguirá coa súa preparación de cara ao primeiro grande reto do curso, o Ironman de Lanzarote o vindeiro 20 de maio. Antes, Saleta participará no Tríatlon Volcano, tamén en Lanzarote o 29 de abril, onde pasa boa parte da tempada adestrando. O outro grande obxectivo deste ano será o Ironman de Maastricht o 6 de agosto, onde tentará alomenos repetir o segundo posto do 2016. Saleta Castro, xunto co seu adestrador Luc Van Lierde, decidiron que este ano o Mundial de Hawái non será un obxectivo da pontevedresa, á espera de seguir mellorando o seu rendemento e regresar no 2018 con máis posibilidades de competir polos primeiros postos.

Gurutze Frades e Saleta Castro, coas súas medallas no Ocean Lava Tenerife.
Gurutze Frades e Saleta Castro, coas súas medallas no Ocean Lava Tenerife. | Fonte: @saleta3
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta