Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/03/2017 | Actualizada ás 14:17
O Comité Intercentros da CRTVG denuncia manipulación informativa na TVG. A censura aconteceu o pasado 6 de marzo no Galicia Serán emitiron cunha noticia que foi "premeditadamente recortada" para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía.
Segundo apunta o Comité, un redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el senón que, neste caso, llas asignaron a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse sobre o tema do que versaban ditas entrevistas. Despois elaborou unha información para o programa Galicia Noticias Mediodía que pode consultarse neste vídeo.
Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, esa mesma noticia quedou "mutilada", como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa “voz en off”. "Esta mutilación foi para evitar que os espectadores puideran escoitar a declaración dun técnico que criticaba a actitude do goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia", indica o Comité Intercentros nun comunicado. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención a explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.
Críticas á Xunta suprimidas
Segundo o redactor tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía: "Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo", tal e como se pode apreciar neste vídeo.
"As excusas e argumentacións falsas que dan para casos coma este que se dan tódolos días na redacción é que a noticia é moi longa, para repetila integramente", suliña. "O Comité de San Marcos rexeita enerxicamente que se faga este uso perverso da información elaborada por un xornalista con criterios profesionais e non dependentes do que lles gusta oír aos gabinetes de comunicación en San Caetano", engade
Por iso, ese órgano esixe que cesen as prácticas de manipulación e a posta en marcha inmediata do Consello de Informativos comprometido na Lei de Medios. Tamén que se asinen os traballos con rótulos onde apareza o nome da redactora ou redactor como xeito de visibilizar o traballo ben feito por parte das traballadoras e traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.