Temas: DRON

Máis de mil persoas asistirán en Ourense ao I Congreso Internacional de Drons de Galicia

Entre outros, contará coa participación de Richard Vinuesa, un dos referentes a nivel mundial do sector, e do Centro Universitario de Defensa na Escola Naval de Marín.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2017 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

Máis de 1.000 persoas confirmaron xa a súa asistencia ao I Congreso Internacional de Drons de Galicia, que terá lugar entre os días 31 de marzo e 2 de abril en Ourense. Entre outros, contará coa participación de Richard Vinuesa, un dos referentes a nivel mundial do sector, e do Centro Universitario de Defensa na Escola Naval de Marín.

Cartel do I Congreso de Drones de Galicia
Cartel do I Congreso de Drones de Galicia | Fonte: Europa Press

Así o sinalou o presidente da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros de Telecomunicación, José Manuel Martínez, este luns durante a presentación do cartel deste certame que correu a cargo do debuxante e humorista Xosé Lois 'O Carrabouxo'.

Deste xeito, Martínez destacou que este primeiro congreso, que pretende ser anual, servirá como escaparate para un sector no que "Galicia é pioneira" e "soubo aproveitar a explosión" do mundo dos drons.

Así se referiu a diversas propostas como o proxecto das Rozas (Lugo); a posta en marcha do grao de Aeronáutica na Universidade de Vigo e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Tamén lembrou que os enxeñeiros da UVigo "atópanse entre os máis recoñecidos a nivel internacional".

PRESENZA DE RICHARD VINUESA E ACTIVIDADES

Respecto ao I Congreso de Drons que se celebrará en Ourense, José Manuel Martínez resaltou a presenza de Richard Vinuesa, cofundador de ERSA (European Rotor Sports Association) e "un dos máis importantes expertos a nivel internacional".

Vinuesa é organizador da feira Expodrónica, que se realiza en Zaragoza, "e recentemente pechou os Campos Elíseos durante tres horas para unha carreira de drons".

Por outra banda, Ourense acollerá unha carreira entre estes aparellos, que servirá "como espectáculo para facer chegar os drones ao público", sinalou Martínez.

Entre outros, presentarase un proxecto para localizar e derrubar pequenos drons "do tamaño dun mosquito", que poderían afectar á privacidade dos cidadáns; pero tamén participará unha proposta para "pór difícil a derriba de drones".

O presidente da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros de Telecomunicacións lembrou que a cita en Ourense reunirá a expertos de sectores como o agrícola, marítimo, seguridade e telecomunicacións, que darán a coñecer as posibilidades que ofrecen os drons e as súas aplicacións profesionais.

Haberá charlas sobre as aplicacións desta tecnoloxía para agricultura de precisión, busca de bancos pesqueiros, topografía, seguridade e xeolocalización, lexislación e deporte.

Tamén que está prevista a presenza de numerosos medios e revistas especializadas. Pola súa banda, Xose Lois 'O Carrabouxo' presentou o cartel do evento, que mostra ao popular personaxe 'Carrabouxo' lanzando ao aire un avión de papel "o dron máis antigo".

REGULACIÓN DO SECTOR

Ademais, o responsable do evento destacou a oportunidade de "falar" do novo Real Decreto para regular o sector e a posibilidade de "incidir e cambiar algunha coma" nese texto que, entre outros puntos, delimitará quen poden ter licenzas.

A este respecto, incidiu na oportunidade para falar sobre a normativa de voos de drones nas cidades e sobre o dereito á intimidade.

PARTICIPACIÓN DA ESCOLA NAVAL DE MARÍN

Tamén destacou a oportunidade de contar coa presenza do Centro Universitario de Defensa da Escola Naval de Marín, porque "o Exército sempre vai por diante" en materia de drones.

Martínez insistiu en que a cita ourensá, "que empezou como un congreso para 50 profesionais" contará coa presenza de "máis de 1.000 persoas".

Carlos Rodríguez, da directiva da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos, confirmou que "Francia, Portugal e os países máis próximos a España" son "os que solicitaron máis información".

Temas: DRON
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta