Unha festa para un derbi

Deportivo e Celta, convocados por Abanca para a campaña 'Imposible sen ti', avogan por un clásico que sexa un espectáculo para as dúas afeccións e un exemplo para o mundo do fútbol. "Estase a representar a Galicia e máis non se pode pedir", apunta Pepe Mel, o último en chegar.

Por gcdeportes | A Coruña | 14/03/2017 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

Como ven sendo norma, un derbi que sexa unha festa do fútbol galego sen ningún tipo de incidentes. Técnicos e xogadores galegos, Pepe Mel e Álex Bergantiños polo Dépor, Eduardo Berizzo e Rubén Blanco polo Celta, convocados por Abanca, repetiron este luns na Coruña, no arrinque da semana do clásico galego, o propósito dun derbi cheo de concordia, que sexa unha festa e un exemplo para o mundo do fútbol.

Álex Bergantiños, Pepe Mel, Berizzo e Rubén Blanco, co representante de Abanca.
Álex Bergantiños, Pepe Mel, Berizzo e Rubén Blanco, co representante de Abanca.

Foi na presentación, por parte de Abanca, da campaña Imposible sen ti (o desenlace do anuncio cuxa primeira parte se presentou no derbi da primeira volta), unha proposta da entidade, patrocinadora dos dous equipos, para axudar a que o derbi do domingo no estadio de Riazor sexa unha verdadeira festa para ambas as dúas afeccións. Todos avogaron porque o encontro se viva como tal, un espectáculo no que prime a rivalidade sa entre todas os seareiros que acudan a Riazor (as 880 entradas do Celta para o derbi esgotáronse en apenas unhas horas).

Paralelamente, Abanca puxo en marcha dentro da mesma campaña unha iniciativa en Twitter, O derbi das afeccións, na que segundo os tweets que publican os seguidores de ambos os equipos, o balón decántase sobre un dos lados do campo de fútbol, obtendo a vitoria o equipo que máis apoio reciba dos seus seguidores.

“Oxalá poidamos vivir partidos como os pasados. O verdadeiro resultado é gozar e festexar habendo vivido unha festa”, apuntou o Toto Berizzo, que preferiría volver atrás no tempo e lembrar os seus derbis como xogador. O adestrador celeste confía en que o clásico galego sexa un exemplo do bo momento que viven ambos os dous conxuntos.

Pola súa parte, Pepe Mel, que felicitou o Celta “polos magníficos anos” que está tendo e lle desexou sorte para o xoves en Rusia, cre que “un partido tan importante debe ser noticia porque os dous equipos dean xemplo de saber estar”. O adestrador do Dépor lembrou o 4-1 da ida en Balaídos, onde “houbo un bo espectáculo e gañou o que mellor xogou”. “Agora quero vivilo eu. É moi apaixoante, estase a representar a Galicia e máis non se pode pedir”.

“Dende hai anos entendimos que é un partido que hai que exportar a todo o mundo. Agardo que o domingo sexa así e vexamos un gran espectáculo”, apostou o capi Álex Bergantiños, protagonista tralo seu gol ao Barça. “Ao ser galego e do Celta de toda a vida, estes partidos son especiais xogalos”, dixo o meta Rubén Blanco, malia que mancado non chegará a tempo de estar en Riazor.

Unha historia familiar

A segunda parte da historia creada por Tex45 Producións desvela o desenlace da historia de Roque (Roque Branco) e do seu pai Anxo (Toño Casais), co propósito de fomentar a concordia no partido máis esperado para os afeccionados e afeccionadas de toda Galicia. No spot, Roque, un neno afeccionado do Dépor, vai recibir ao porto a seu pai, Anxo, seareiro do Celta, antes do choque entre os dous equipos. O anuncio foi gravado nas localidades de Muros, O Valadouro e Ribadeo. Recentemente, a Academia Galega do Audiovisual recoñeceu o anuncio como finalista dos Premios Mestre Mateo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anônimo

Ũa festa que tamém se pode viver cum galego enxebre: https://umnovoreintegracionismo.wor...