Temas: PESCANOVA FOLGA

Paro masivo en Pescanova por un convenio “digno”

O 100% do persoal das plantas de elaboración e frigoríficos de Nueva Pescanova secundaron este martes a primeira das dúas xornadas de folga convocadas; o paro dunha hora convocado na parte comercial, administrativa e de oficinas do grupo contou co "apoio maioritario" dos traballadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2017 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O 100 por cen do persoal das plantas de elaboración e frigoríficos de Nueva Pescanova secundaron este martes a primeira das dúas xornadas de folga convocadas por CIG, CUT, UXT e USO; mentres que o paro dunha hora convocado por CC.OO. na parte comercial, administrativa e de oficinas do grupo contou co "apoio maioritario" dos traballadores. Así o comunicaron os sindicatos, que aínda que coinciden nas súas denuncias de que as propostas da dirección pretenden "precarizar" as súas condicións laborais, atópanse divididos en dous bandos —por unha banda CC.OO., e polo outro CIG, UXT, USO e CUT— e acúsanse mutuamente de romper a unidade sindical, motivo polo que organizaron mobilizacións por separado.

Folga do persoal de Pescanova
Folga do persoal de Pescanova | Fonte: Europa Press

A folga foi convocada por CIG, UXT, USO e CUT este martes e o 21 de marzo nos centros de elaboración e frigoríficos no Porriño e Chapela, co fin de esixir á empresa que modifique a súa proposta na negociación dos convenios colectivos e respecte os dereitos adquiridos polo persoal. Se non hai cambios, prevén facer a folga indefinida desde o 3 de abril.

No marco desta mobilización, "centos de empregados" —segundo a CIG—, concentráronse este martes antes do arranque de cada quenda, onde houbo presenza das forzas e corpos de seguridade. No lugar, os traballadores despregaron unha pancarta coa lema "Pescanova en folga!! Convenio digno xa!!" e berraron diversas consignas.

Pola súa banda, Comisións Obreiras celebrou este martes —de 8,00 a 9,00 horas— a segunda xornada de paros parciais que convocou nas oficinas de Nueva Pescanova para os martes e xoves deste mes. Do mesmo xeito que o primeiro día, o sindicato indicou que, aínda que "evidentemente non participaron os mandos intermedios", houbo un "apoio maioritario dos traballadores".

Finalmente, a CIG dixo que o persoal de Pescanova recibiu o apoio de distintos comités de empresa, seccións sindicais e representantes sindicais. Entre eles, de empresas da conserva —Thenaisie, A. Alonso, Cerqueira, Orbe e Varcárcel—, de elaboración —Fandiscosta e Mascato— e do frío industrial —Frigoríficos de Vigo, Frioya e Stef—; ademais de traballadores doutros sectores.

Temas: PESCANOVA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta