Lacón con Petelo

A Cañiza recrea os tempos da postguerra e despide o inverno coas IX Xornadas Gastronómicas do Lacón con Petelo.

Por GC Tendencias | A Cañiza | 15/03/2017 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O 18 e 19 de marzo, A Cañiza volverá ás décadas dos 20 e dos 40 para ofrecer o mellor daqueles tempos recuperando, entre outras cousas, a receita do lacón con petelo, un dos alimentos que fixeron posible a supervivencia dos cañicenses nos duros tempos da postguerra española. Un prato forte, sobrio e cheo de sabor que durante a fin de semana se poderá degustar en forma de tapa na gran carpa que o concello instalará na Praza Maior da Cañiza.

Obradoiros artesáns
Obradoiros artesáns

O petelo é un produto que se obtén de amasar a fariña de millo na auga do caldo. Unha vez feita a masa elabórase o petelo que é unha peza redonda apelmazada que se mete no caldo, sen ningún elemento fermentador, para que coza ao mesmo tempo e así absorba todos os sabores dos ingredientes do cocido que é o que o fai especialmente saboroso. Os cañicenses, grazas á abundancia de millo nestas terras, empregaron este elaborado para substituír a outros alimentos. Contan os vell@s que antigamente co que sobraba do mediodía aproveitábase pola noite para cear pasando o petelo pola tixola, cociñándoo coa graxa de fritir os chourizos e os ovos.

Os encargados de cociñar e servir este prato son os membros da senlleira Asociación Furafollas de Oroso, que tirando de saber e tradición farán gozar aos asistentes con este apetitoso aperitivo ao prezo de 3 € e con agasallo do prato de cerámica incluído. E se quedan con ganas de máis os restaurantes da localidade ofrecerán lacón con petelo nos seus menús.

Na carpa ambientada na postguerra estarán instalados unha cociñe e comedor da época pero tamén haberá unha escola, carros, bancos corridos e diferentes artesáns que representarán os oficios. Artesáns da cestería que terán unha exposición e farán obradoiros de 17.00 a 20.00 h. da tarde os dous días, artesáns do coiro o sábado e artesáns do pan e a bica o domingo; en ambos casos farán tamén obradoiros en horario de 17.00 a 20.00 h.

O prestixioso historiador Maximiliano Fernández, propietario da Casa Museo Pazo da Cruz, ademais de exhibir pezas para a ocasión dará unhas clases maxistrais o domingo. Pola mañá, dende a escola de época, instruirá sobre a historia das chaves, os pequenos instrumentos musicais e os denarios romanos, e ás 16.30 h. no Museo do Pan, dará unha clase mestra sobre a historia do pan, os fornos, muíños e cereais. 

Lacón Petelo
Lacón Petelo

O sábado a partires das 14.00 h. terá lugar o "IX Rali do Xamón" cunha xuntanza de vehículos históricos e ás 19.00 h. o prestixioso pintor e escultor cañicense Diego de Giráldez recibirá o Título de "Fillo Predilecto de A Cañiza" da man do Alcalde Miguel Domínguez no Salón de Plenos.

A ambientación musical, tamén de época, correrá a cargo dos grupos tradicionais da zona, Os Furafollas de Oroso, Santa Cristina de Valeixe e o Grupo Folck Os do Cruceiro. O fin de festa o domingo pola noite correrá a cargo do grupo Ronco@Fol de Ponteareas e haberá chocolatada e biscoitos para todos os presentes

Estampa popular
Estampa popular
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CeNToLiNHo

O petelo ven sendo o que na zona d Carnota, Mazaricos... chamamos bolo de pote