O Celta busca o seu teito

O equipo celeste confía en manter a vantaxe do 2-1 en Balaídos ante o Krasnodar en Rusia e clasificarse outra volta para os cuartos de final da Europa League, o seu mellor rexistro en Europa. “Iremos a pola vitoria”, asegura o Toto Berizzo, que non quere especular co resultado.

Por gcdeportes | Vigo | 16/03/2017 | Actualizada ás 08:41

Comparte esta noticia

O Celta busca o seu teito histórico, aquel que lle levou a alcanzar tres tempadas consecutivas os cuartos de final en competición europea. Desta volta será en Rusia fronte ao Krasnodar (19.00 horas), e o equipo celeste conta coa vantaxe do 2-1 na ida en Balaídos, polo que lle chegaría cun empate para pasar a eliminatoria. Aínda que serve con empatar, o Toto Berizzo asegurou que sairán a gañar porque o seu equipo non sabe especular co resultado. “Somos un equipo que desexa usar o balón e pensar na portaría do noso adversario. Desexamos marcar e gañar. Iremos a pola vitoria”, comentou o técnico celeste xa dende o Krasnodar Stadium, antes da última sesión de adestramento.

O Celta, aínda que perde por lesión a Chelo Díaz, recupera a un dos seus imprescindibeis, o Tucu Hernández, e deste xeito Eduardo Berizzo poderá aliñar os habituais, coa case segura presenza de Andreu Fontàs no centro da defensa e con Iago Aspas á dereita para deixar sitio en punta a John Guidetti: “Temos que saír a buscar o partido e tentar gañalo. Para vencer é obrigatorio marcar polo menos un gol, e ese é o obxectivo que nos fixamos. Así fixemos en Ucraína e esta vez imaxinamos o mesmo”.

Último adestramento onte do Celta no Krasnodar Stadium.
Último adestramento onte do Celta no Krasnodar Stadium. | Fonte: @RCCelta

O técnico arxentino, tras vencer 0-2 ao Shakhtar na prórroga, restou importancia a xogar o pase da eliminatoria en campo contrario. “Somos un equipo moi semellante xogando na casa e como visitante”, polo que Berizzo mantén o plan aplicado en Ucraína: buscar a vitoria coa posesión da pelota, tentando recuperala en campo rival.

Ao contrario que o Celta (0-1 co Vilarreal), o Krasnodar chega á cita despois de vencer o luns 1-2 ao Lokomotiv na liga rusa. O equipo que dirixe Igor Shalimov buscará no seu feudo remontar a eliminatoria e alcanzar por primeira vez na súa curta historia os cuartos de final dunha competición europea. Como en Balaídos, será sen a súa estrela, o dianteiro Fedor Smolov, que segue lesionado. En troques, Shalimov recupera o seu lateral dereito titular Vitali Kalhesin e o medio centro Charles Kaboré.

Tras catro xornadas de Liga sen gañar (tan só 2 dos últimos 12 puntos), o Celta quedou lonxe dos postos europeos e fía boa parte do éxito desta campaña a seguir en competición europea. O plantel celeste manten a ilusión por seguir na loita polo seu primeito título europeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta