Crise e Administración Local

A actual crise pon de relevancia un asunto clave que levaba demasiado tempo esquecido ou postergado, a necesidade perentoria de contarmos cunha administración eficiente no uso dos recursos públicos, parece que demasiados responsables políticos se esquecen de onde proveñen estes recursos e compre lembrar, máis unha vez, o que non deixa de ser obvio, que estes recursos proveñen dos impostos cos que se carga ás empresas e aos particulares, polo que o estado, lembremos que toda administración é estado, ten a responsabilidade non só administrativa senón tamén ética de xestionar eses recursos con eficiencia, cousa que case todos asumimos como verdade que non se fai.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 15/01/2010

Comparte esta noticia

Un dos exemplos máis flagrantes desta ineficiencia no uso dos recursos públicos é o da administración local, estamos habituados ao recoñecemento retórico da importancia do papel que as administracións locais xogan na provisión de servizos como administracións máis cercanas ao cidadán, porén é cada vez máis claro que os partidos que teñen capacidade de reformar a fondo o papel e sobre todo o financiamento das administracións locais non o fan. A crise fai máis urxente que nunca a necesidade de aprobar a asignatura pendente da reforma da administración local e o seu incardinamento no estado autonómico.

Lembremos que as Deputacións tamén teñen a consideración xurídica de administracións locais, pero é evidente que non o son desde un punto de vista administrativo e político porque se corresponden cun marco territorial supramunicipal que é o da provincia, as provincias tal e como as coñecemos hoxe teñen a sua orixe no 1833, trátase da imitación española da estrutura departamental francesa e foi concibida como os tentáculos no territorio dun estado fortemente centralizado, son por tanto e en boa lóxica, incompatibles cun estado descentralizado como o autonómico español, os defensores da pervivencia hoxe das intitucións provinciais argumentan que os municipios pequenos precisan da axuda da Deputación para sobrevivir, obviando que os recursos dos que dispón a deputación serian moito máis eficaces se fosen directamente asignados aos concellos evitando así os enormes gastos correntes improductivos destas parasitarias institucións.

Nunha recente entrevista, Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra recoñecía que debido á grave crise que padecemos terían que intervir nos concellos mesmo para pagar as nóminas do persoal, preguntado despois sobre a necesidade de fusionar concellos, di que non é necesario porque salvo un, todos os demais pasan dos 2.000 habitantes. E é que unha institución como a Deputación necesita uns concellos enfraquecidos e dependentes economicamente para poder exercer o seu control político no territorio, premiando aos do propio partido e castigando aos dos outros. Isto é o único que aportan as deputación: gasto ineficiente, endebedamento público e un control político antidemocrático sobre os concellos.

Se o PP e o PSOE tivesen sentido de estado e suficiente responsabilidade na xestión dos, cada vez máis escasos, recursos públicos e fosen capaces de ver a necesidade urxente que Galicia e todo o estado ten de reformas estruturais terianse que ir plantexando a necesidade da eliminación das deputacións mediante unha reforma constitucional, tamén é posible a sua supresión a través dun novo estatuto de autonomía, eses recursos serían directamente asignados aos municipios segundo criterios poblacionais, de dispersión, etc. Pero infelizmente a estes partidos o que lles interesa é manter todos os intereses creados e ir creando outros novos, tamén vemos o pánico que estas organizacións políticas teñen a tocar os intereses de todas as suas redes políticas e clientelares na evitación da fusión de municipios, porque a estas alturas xa é dificilmente discutible que en aras, do mesmo obxectivo, da eficiencia no uso dos recursos públicos é necesario emprender unha fusión de concellos en gran escala, non é sostible un mapa municipal galego con 316 concellos, compre fusionalos para deixalos en cen ou cento vinte. Esta vai ser a proba do algodón da pretendida vontade do señor Feijóo de apostar pola austeridade e eficiencia no uso do diñeiro público, a miña opinión é que PP, PSOE e BNG son forzas intervencionistas polo que non se preocupan demasiado do drama inaceptable que supón o despilfarro do diñeiro que proven dos impostos, os democratas liberais apostamos, sen embargo, pola eficiencia e pola subsidiariedade da administración pública.

Constatamos de forma, cada vez máis clara, o silencio cómplice do BNG nestes asuntos e a sua plena integración no goberno das deputacións e no uso dos seus resortes caciquis, o Bloque xa non abandeira hoxe a petición dos galeguistas da II República da supresión das Deputacións e síntese á vontade traballando dentro destas institucións. Ata tal extremo está o BNG de hoxe identificado co modelo provincial que o alcalde de Pontevedra reclamou que se respecte o estatus de capitalidade provincial da sua cidade e non se nomeara outro superdelegado da Xunta para Vigo, como finalmente fixo Feijóo. Para calquera forza política, como Converxencia XXI,  que vexa nestas institucións un dinosauro a extinguir parece imprescindible o deseño dun mecanismo que impida que a eventual integración dos seus representantes nestes organismos leve a esquecerse das suas demandas de disolución das Deputacións como resultado directo dos intereses que se van creando como lle aconteceu claramente ao BNG.

Uns concellos moito máis fortes xa poderán decidir posterior e libremente a sua unión en agrupacións comarcais ou metropolitanas, que baixo o meu punto de vista, teñen que ser creadas desde abaixo, desde os concellos, e non desde arriba, desde a Xunta, é a estas alturas inaceptable que se cree un chiringuito máis que lle custe diñeiro aos contribuintes e para máis inri, sin eliminar o chiringuito que sobra que son as deputacións, e menos na situación actual, despois da supresión das deputacións os concellos verán as economias de escala de se asociar en entes supramunicipais de libre adhesión financiados desde abaixo, non desde arriba para controlalos e mangonealos. Os galeguistas vemos con bos ollos o aprofundamento do estado das autonomías como resposta á realidade plurinacional do estado e temos que defender coa mesma forza un modelo administrativo local forte e eficiente no que as Deputacións sobran, Converxencia XXI abandeira hoxe esta proposta no noso País.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Vázquez Padín Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com