Gonzalo Jar, un xeneral galeguista

Coñecín ao xeneral da Garda Civil Gonzalo Jar Couselo hai ben anos. Chamara a miña atención a entrevista que lle fixera nun xornal galego na nosa lingua, e na que con toda naturalidade facía valoracións moi positivas da cultura galega. Procurei a maneira de contactar con el para felicitalo. Desde entón fixémonos amigos; moi amigos, como adoitaba dicir el. Falabamos de todo, do habido e por haber. Sempre coa espontaneidade dunha persoa aberta, próxima, sen estar condicionado polo estatus do seu rango militar e as altas reponsabilidades de Estado que tiña, que a outros condicionan tanto.

Por Xosé Glez. | Redondela | 17/01/2010

Comparte esta noticia

Gonzalo Jar Couselo, que hai dous anos ascendera a xeneral de división; era profesor da Universidade Complutense e autor dunha prolífica bibliografía sobre dereito internacional humanitario, na que se refletía o coñecemento que tiña sobre conflitos internacionais nos que participara para resolvelos na súa condición de experto da Cruz Vermella. Son importantes tamén os seus estudos sobre a igualdade da muller nas forzas armadas,  e as proposta para definir os modelos policiais.

Foi decisiva a súa intervención para que a Audiencia Nacional investigase a morte do periodista José Couso na guerra do Irak, desmontando as teorías do Pentagóno que exoneraba de responsabilidades aos militares estadounidense implicados naquela matanza. Tamén merece unha loa a defensa que fixo para un programa da televisión vasca da memoria  do que fora xefe da  comandancia da Garda Civil de Navarra, José Rodríguez-Medel, fusilado nos primeiros días de 1936 por defender a legalidade republicana.

Gonzalo Jar Couselo participou coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en varios proxectos para normalizar a lingua galega, con ilusión e entusiasmo, que mantivo enceso ata o día anterior do seu falecemento, cando aínda tiña folgos para falar, como viñamos facendo a cotío desde había meses. En 2007 participou na campaña de normalización lingüística “En galego, con toda seguridade”. Coñecía como poucos a complexa sociolingüística do noso idioma na Garda Civil: “Na actualidade, cando tódolos galegos teñen a posibilidade de coñecer, de maneira máis científica, o seu idioma, non vexo ningunha razón que impida incorporalo, en igualdade de condicións co castelán, nas tarefas diarias que desenvolven os membros desa institución”.

Emotiva foi a súa manda testamentaria recollida no libro “En galego, agora e sempre”:  “Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de cómo teria que facer para que esa herdanza  que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, asi que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán…É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlles a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter vivo o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa”. Nas exequias fúnebres celebradas en Madrid, á que asistiron centenares de militares e representantes do Estado incluídos algúns ministros, aplaudiron con emocionado entusiasmo a lectura desta manda testamentaria en galego que fixo a súa filla Ana. A mesma emoción repetiuse coa  igrexa de San Bieito do Lérez ateigada cando a familia trouxo as súas cinsas.

As túas fillas, Ana e Marta, van cumprir coa manda, Gonzalo. Abofé que si. E a nós, os teus amigos, quédanos a lembranza das túas palabras cando foches nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto, e a emoción que che provocara a retransmisión en directo, que escoitaches desde o hospital, do impresionante acto público fundacional da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo”, asociacións, ámbalas dúas, das que ti formabas parte.

O día 28, en Compostela, cando as badaladas da Berenguela  anuncien as doce da mañá, a memoria do xeneral e amigo Gonzalo Jar volverá agromar en nós. Porque ese día presentaremos en acto público a súa derradeira achega literaria para fomentarmos a uso da lingua galega entre os viaxeiros das liñas de TRAVIBUS NOROESTE, S.A.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA