Feijóo defende as axudas a Red Madre porque “hai que apoiar a quen quere ter nenos en Galicia”

“Igual que hai dereito a abortar tamén hai dereito a non interromper o embarazo”, asegura. Por outra banda, a Xunta dobrará as axudas a vítimas de violencia de xénero no 2017.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/03/2017 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Case 400.000 euros leva repartidos a Xunta para a asociación antiabortista Red Madre en seis anos. E un terzo do total das axudas públicas recibidas por esta entidade chegáronlle en 2016, cun total de 113.000 euros, tal e como publicou GC.  Unhas axudas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este xoves.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá con representantes de ‘Red Madre’
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá con representantes de ‘Red Madre’

“Esa asociación ten que xustificar en que gasta ese diñeiro, como outras entidades que son subvencionadas”, dixo. Un diñeiro que vai destinado, en parte, a espallar a súa propaganda contra o aborto e manter os seus recursos humanos. “Nós apoiamos a quen queira ter un neno en Galicia”, xustificaba Feijóo sobre o diñeiro percibido por esta entidade.

“Como hai dereito ao aborto por parte dunha muller, tamén hai o dereito a non interromper o embarazo”, engadía o presidente da Xunta ao ser preguntado por GC na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta.

Críticas dos partidos da oposición

Tamén as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) saíron ao paso da información publicada por Galicia Confidencial en relación ás que cualifican como "escandalosas subvencións públicas" recibidas pola asociación Red Madre, cuxo "único cometido", din, "é atacar o dereito recoñecido das mulleres a decidir sobre o seu corpo". Ademais, aconsellaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se quere subvencionar a Red Madre, que o faga cos seus propios cartos e non cos dos galegos e galegas". 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello

Pola súa banda, a secretaria de igualdade, Vanesa Siso, declarou que “o goberno do PP de Galicia espalla subsidiariamente a súa ideoloxía conservadora subvencionando con cartos públicos unha asociación que se cre co dereito de querer decidir sobre o corpo das mulleres. O moderado Feijóo dá leccións de feminismo ante os medios ao tempo que coarta a liberdade das mulleres, como fixo no seu día Gallardón.”

Axudas á mulleres vítimas de violencia de xénero

Por outra banda, a Xunta aprobou no Consello deste xoves aumentar as axudas a vítimas de violencia de xénero ata os catro millóns de euros, unha cifra que dobla a do pasado ano. Segundo destacou Feijóo, este diñeiro é para “garantizar a independencia” da vítima co agresor. 

As mulleres vítimas de violencia machista poderán cobrar entre 300 e 800 euros durante un ano en función dos seus ingresos, os fillos ao seu cargo e se teñen algunha discapacidade.  A novidade deste ano, con respecto ao 2016, será que tamén poden acollerse a estas axudas as mulleres vítimas de tratas.

“Queremos que este diñeiro sirva para axudar a aínda máis as mulleres que son vítimas de violencia machista, para que non teñan que depender económicamente de ningún xeito do seu agresor”, indicou Feijóo. O pasado ano, foron 324 as mulleres que recibiron esta axuda anual e a Xunta agarda que no 2017 poidan ser o dobre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sesta do vello

Mareados facedelle caso a ricachona Bescansa que o tema de aborto non mobiliza á xente do comun e non da votos

1 Kollontai luguesa

Pois xa que está en apoiar propoño algunhas maneiras ben sinxelas: máis garderías, menos recortes, non a supresión de escolas no rural, posibilidades reais de conciliar... Acabo de consensualas coas nais traballadoras próximas. Todas prefiren máis prazas nas garderías a este tipo de asignacións... Incluídas as votantes do PP. Si á conciliación, si ao apoio ás nais e aos pais: máis garderías e máis posibilidades de conciliación.