Temas: INFANCIA

Apegando os nenos á lingua

Un proxecto de socialización da infancia en galego suma xa 30 concellos e abarca unha poboación de 1,3 millóns de persoas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/03/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Apego. Ese é o nome dun proxecto que ten coma fin impulsar a socialización da infancia en galego e que vai camiño de converterse nunha exitosa experiencia para que os máis novos coñezan e difundan a súa lingua nai.

O proxecto Apego tenta difundir o galego entre os máis novos
O proxecto Apego tenta difundir o galego entre os máis novos

Apego púxose en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos e foi medrando ano a ano para chegar neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios. Precisamente, Nigrán acolle este venres un acto en que sete novos concellos formalizarán a súa participación no proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, que se amplía así a 30 municipios.

As novas entidades que se incorporan a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa. Súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, A Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos ou programación de actividades, súmanse sete aos 23 concellos que o están a desenvolver. 

Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego na infancia.

“Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de famlias directamente implicadas -xa están adheridas formalmente arredor de 2.000- polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo”, apuntan os impulsores desta iniciativa.

Dinamización socioligüística

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa faciítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións ou xogos.

A través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns ou facer galletas en familia. Ademais de facilitar materiais, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.) e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.) Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

Temas: INFANCIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Remigio

Y si la lengua madre es el castellano o el francés o el inglés...¿Qué vais a facer?

1 what?

eemmmm.. a pregunta vai en serio??? Non sei cantos nenos en Galicia terán coma lingua materna o inglés ou o francés (unha morea deles! seguro!). E en canto ao castelán... en serio é preciso promocionalo MÁIS!?