Histórico Celta con goles galegos

O equipo celeste vence 0-2 ao Krasnodar en Rusia con tantos de Hugo Mallo e Iago Aspas e clasifícase 16 anos despois, por cuarta vez na súa historia, para os cuartos de final da Europa League. Este venres, o sorteo. Besiktas, Genk, Ajax, Anderlecht, Schalke 04, Manchester United ou Lyon, posíbeis rivais.

Por gcdeportes | Vigo | 16/03/2017 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Krasnodar 0:
Sinitsin; Martynovich, Naldo, Granqvist, Petrov; Pereyra (Laborde, 70'), Gazinski, Kaboré; Claesson (Joaozinho, 59'), Podberezkin (Mamaev, 46') e Wanderson.   
RC Celta 2: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny; Radoja, Daniel Wass (Jozabed, 74'), Tucu Hernández (Beauvue, 85'); Pione Sisto, Iago Aspas (Roncaglia, 82') e John Guidetti.
Goles: 0-1: Hugo Mallo (minuto 52). 0-2: Iago Aspas (minuto 82).
Árbitro: Ruddy Buquet (Francia). Expulsou por dobre cartón a Kabore no minuto 86. Amarelas a Radoja (53') no Celta e a Gazinski (42'), Granqvist (43') e Wanderson (46') no Krasnodar.
Incidencias: partido de volta dos oitavos de final da Europa League no Krasnodar Stadium ante preto de 33.312 espectadores.

Dezaseis anos despois, nos cuartos de final dunha competición europea. Volveu gañar o Celta ao Krasnodar, desta volta en Rusia, con goles galegos de Hugo Mallo e Iago Aspas no segundo tempo. 0-2 no Krasnodar Stadium e un 4-1 no total da eliminatoria. O Celta clasificouse por cuarta vez na súa historia para os cuartos de final da Europa League (antes UEFA) e este venres estará no sorteo na sede da UEFA en Nyon. Besiktas, Genk, Ajax, Anderlecht, Schalke 04, Manchester United ou Olympique de Lyon, posíbeis rivais. Continua o soño europeo do Celta.

Os xogadores celestes celebran o segundo gol de Iago Aspas.
Os xogadores celestes celebran o segundo gol de Iago Aspas. | Fonte: lfp.es

Agás dous momentos de agobio, un en cada tempo, o Celta foi superior o seu rival, con posesións longas e sen apenas conceder ocasións claras, concentrado con convicción no seu estilo. Wanderson probou a Sergio Álvarez no arrinque do partido, pero o primeiro achegamento con perigo foi celeste, cun disparo de Pione Sisto no minuto 14 que despexou a córner Sinitsin. No minuto 21, Guidetti rematou frouxo na área tras pase de Iago Aspas. Pero tras unha falta centrada de Pereyra que Sergio Álvarez despexou con apuros, o Celta descolocouse, perdía a pelota con facilidade e pasou minutos de agobio, metido no seu campo, polo empuxe do Krasnodar, pero sen ocasións claras para os locais. 0-0 ao descanso.

O paso por vestiarios sentou ben aos celestes, que dominaron no arrinque do segundo tempo, e no minuto 52, xogada pola esquerda de John Guidetti, pase ao centro da área do sueco, Wass non chega, Aspas que dispara contra a defensa pero chega Hugo Mallo e fusila ao fondo da rede.
Co 0-1, o Celta pasou a controlar o partido con solvencia, co máis dominio da pelota, con posesións longas, impoñendo a súa calidade ante un Krasnodar impotente. Faltaba tan só o último arreón local. Entraron Joaozinho e Laborde, e os celestes sufriron nun par de xogadas pola dereita dos rusos, que en troques non atinaron cos tres paus. Pero nunha contra Iago Aspas conectou con Guidetti, que lle devolveu a pelota e o de Moaña marcou un golazo cun disparo con parábola por riba da saída do meta ruso. O Celta estaba en cuartos. No tempo engadido chegaron as ocasións máis claras do Krasnodar, pero Sergio Álvarez evitou o gol ruso. 0-2 e a cuartos. Continúa o soño europeo do Celta. Toto Berizzo felicitou os seus xogadores ("unha vez máis) pola súa convicción no seu estido de xogo. O Celta agarda xa rival.

Resultados 1/8 final Europa League:

Besiktas 4 – Olympiacos 1 (5-1)
FC Krasnodar 0 – RC Celta 2 (1-4)
Genk 1 – Gent 1 (6-3)
Ajax 2 – Kobenhavn 0 (3-2)
Anderlecht 1 – APOEL Nicosia 0 (2-0)
Borussia Moenchengladbach 2 – Schalke 04 2 (3-3)
Manchester United 1 – FC Rostov 0 (2-1)
Roma 2 – O. Lyon 1 (5-4)

Iago Aspas, Berizzo e Wass celebran o pase do Celta a cuartos.
Iago Aspas, Berizzo e Wass celebran o pase do Celta a cuartos. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta