A política empobrecedora: Ourense

Estamos nestas semanas tendo a oportunidade de asistir a un espectáculo político moi interesante para un politólogo e moi preocupante para un demócrata liberal, eu como son un politólogo demócrata liberal sigo todo o proceso da batalla polo control do Partido Popular de Ourense con moita atención. No meu primeiro artigo en Galicia Confidencial defendia a supresión das deputacións e o que vou dicir aquí creo que fornece máis argumentos para esa defensa.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 21/01/2010

Comparte esta noticia

 A loita entre os Baltares e Jimenez Morán non podemos equiparala a unha loita habitual en calquera partido democrático de calquera país democrático pola lideranza  dunha organización política, é moito máis que iso, tratase do control do partido, da sociedade e dos empregos dos cada vez menos ourensans que alí quedan – xunto con Zamora ten o peor comportamento demográfico do estado- o que está en xogo, o PP non é un partido é “O PARTIDO” o grande irmán que todo o ve e que controla grande parte dos postos de traballo dunha provincia que é, segundo o anuario de La Caixa, unha das máis atrasadas de España,  precisamente por iso, polo control antidemocrático que exerce un partido político sobre a cidadanía, ao ser este partido político o maior fornecedor, con enorme diferenza, de postos de traballo para cuxa selección ninguén no PP se lembra dos principios de mérito e capacidade, senón das afinidades persoais e políticas, todo o mundo sabe e sabia que para traballar na deputación de Ourense, en grande parte dos seus municipios e en empresas afins é imprescindible ofrecer algunha rentabilidade política ao Partido Popular e como Baltar pai cantaba no mellor estilo dunha república populista atrasada e bananeira; “y si no eres del PP, jodeté, jodeté”
 

Este mecanismo empobrece terriblemente ao territorio afectado xa que non é o mellor o que ocupa o posto senón o máis servil que normalmente soe ser o máis mediocre mentres os cidadáns máis preparados teñen que ir a outros lares na procura do seu sustento creando desta maneira unha selección negativa na que os mediocres servis cada vez son máis e os competentes e libres cada vez menos, ademáis este mecanismo de control desincentiva aos emprendedores que queren competir nun mercado libre e incentiva aos tramposos interesados en vivir das contratas e información privilexiada procedente “DO PARTIDO” e por tanto desincentiva a creación de riqueza. Naturalmente os creadores desde círculo vicioso de mediocridade e pobreza están encantados xa que a costa do erario público non teñen ningún inconveniente en comprar todas as vontades que sexan necesarias para garantir a sua permanencia nun poder parasitario, poderiamos lembrar que a Deputación de Ourense supera en empregados á da Coruña, que case cuadriplica a poboación da provincia interior, hai pouco podiamos ver na prensa unha foto con catro vedeles da Deputación ourensá cruzados de brazos pasendo e sentados sen facer nada. Estamos diante dun modelo que acaba levando aos paises á pobreza máis absoluta por iso conven ir pondo as barbas a remollo e non crer que nos non podemos acabar como Arxentina ou outros lugares se non somos capaces de acabar con este expolio das arcas públicas ao servizo dun poder parasitario e empobrecedor.
 

Neste momento estamos asistindo á pelexa interna entre dous grupos que non cuestionan este modelo senón que queren ser eles os seus xestores e dominadores. Dunha banda o fillo do desenvolvedor deste sistema pechado e empobrecedor e doutro lado o seu, noutrora, estreito colaborador e actual alcalde de Verín que se atreve a enfrentarse ao padriño, non porque crea na democracia e na liberdade, senón porque ten outro padriño fora de Ourense ainda que nacido alí chamado Núñez Feijóo. Ambos contendentes acusanse de compra de votos, ofrecemento de postos de traballo con cargo aos orzamentos públicos, en definitiva ambos bandos acusanse de facer o que ambos bandos saben perfectamente que levan facendo moitos anos e que nunca lles pareceu nin parecerá  mal, comprar vontades para evitar que os cidadáns voten en función de quen cren que mellor o pode facer no exercicio do poder e voten ao que lle deben favores que pagamos todos os cidadáns, ainda que Ourense pode ser o paradigma, non é desgraciadamente o único lugar onde o PP se comporta así, os tudenses sufrimos en carne propia a un alcalde, Antonio Feliciano Rocha e un presidente da Deputación, Rafael Louzán,  aos que podemos considerar alumnos avantaxados do sistema empobrecedor, autoritario e clientelar que os Baltares e Jimenez Morán encarnan en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Vázquez Padín Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com