O Genk, penúltimo chanzo

O Celta xogará os cuartos de final da Europa League ante o equipo belga, a ida en Balaídos o 13 de abril e a volta unha semana despois no KRC Genk Arena. Iago Aspas, de novo coa selección española para enfrontarse a Israel e Francia.

Por gcdeportes | Vigo | 17/03/2017 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O penúltimo chanzo antes da gran final en Estocolmo será un equipo belga. O Celta medirase nos cuartos de final da Europa League o Genk de Bélxica, coa ida en Balaídos o 13 de abril (Xoves Santo) e a volta unha semana despois no KRC Genk Arena, ambos os dous encontros dun duelo inédito ás 21.05 horas. Evita o equipo celeste no sorteo de Nyon o gran favorito, o Manchester United de José Mourinho (Anderlecht-ManU), pero como nas eliminatorias anteriores, tocaralle xogar a decisiva volta lonxe de Vigo. Iso si, a viaxe a Bélxica será moito máis curta.

John Guidetti celebra con Iago Aspas o gol do 0-2 ao Krasnodar.
John Guidetti celebra con Iago Aspas o gol do 0-2 ao Krasnodar. | Fonte: lfp.es

Tras eliminar o Shakhtar Donetsk ucraíno e o Krasnodar ruso, o RC Celta medirase a un rival a priori máis accesíbel, un dos máis doados dos que había no bombo. Na eliminatoria de oitavos, o Genk eliminou no duelo belga o Gante, tras vencer 2-5 na ida e acadar un empate (1-1) na volta no seu estadio. En dezaseisavos de final, tumbou o Astra Girgiu romanés pola mínima (2-2 na ida e 1-0 na volta). Na fase de grupos, o equipo belga foi primeiro do F con 12 puntos, por diante do Athletic de Bilbao, con 10. Gañou os tres partidos na casa, pero perdeu 5-3 en San Mamés e 3-2 co Rapid de Viena.

O equipo belga, que quedou oitavo na súa liga e fóra dos play-off polo título que xogan os seis primeiros, destaca pola súa efectividade cara ao gol. Suma 22 goles a favor na Europa League (2,2 por partido), con case un 50% de acerto nos seus lanzamentos á portaría rival. O líder do equipo é o andaluz Álex Pozuelo, ex do Betis e máximo asistente da Europa League, e na dianteira destaca o tanzano Mbwana Samatta, autor de 5 goles. A portaría é para Mathew Ryan, cedido polo Valencia. Deste xeito, na eliminatoria de cuartos, o Celta repetirá cun rival belga neste curso, xa que na fase de grupos da Europa League enfrontouse o Standard de Liexa, con senllos empates 1-1 nos dous choques.

Iago Aspas, de novo con España

Despois do seu exitoso debut cun golazo en Wembley coa selección española, Iago Aspas recibe de novo a chamada do seleccionador Julen Lopetegui, un premio á mellor tempada da súa carreira. Tralo amigable con Inglaterra, o dianteiro de Moaña podería agora debutar en partido oficial con España, a vindeira semana (venres 24) no Molinón contra Israel en partido clasificatorio para o Mundial’2018. Despois, turno para o amigable contra Francia en París.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta