Feijóo a Cifuentes: "Parabén por gobernar sen maiorías, eu non sei facelo"

O presidente da Xunta presume dos logros da Xunta ante unha das posibles rivais a sucedelo ao fronte do PP. Insiste nas súas críticas a Podemos e destaca o traballo de Aguirre e de Ruíz Gallardón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2017 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tirou este sábado dunha "sobrada", como el mesmo recoñeceu, para eloxiar o traballo que está a facer a súa homóloga da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, gobernando na rexión en minoría. "Ten que ser difícil, eu non se facelo", chanceou, en relación á maioría absoluta coa que goberna.

Cifuentes e Feijóo
Cifuentes e Feijóo | Fonte: Europa Press

"Parabén por facer cousas que non son fáciles, gobernar sen maiorías, é difícil, non se facelo... iso ten que ser complicado", manifestou Feijoo con medio sorriso ante un auditorio repleto de afiliados que acudiron ata o XVI Congreso Rexional do PP de Madrid, onde será elixida presidenta do partido Cristina Cifuentes, candidata única tras vencer en primarias a Luís Asúa.

Feijóo explicou despois que esta última "sobrada" díxoa para "despedirse", e dicir que "é posible" cumprir co déficit público, que é posible non pedir diñeiro ao "amigo" (Cristóbal Montoro), que é posible "cadrar as contas" e que é posible "crecer".

Alberto Núñez Feijóo tivo unha intervención moi dedicada a Madrid e lamentou a diferenza que atopou na capital desde que o goberna Ahora Madrid. Na súa opinión, ata entón ocorría un "acontecemento singular" en Madrid: "Os veciños tiñan a confusión desde o punto de vista competencial cando había unha actuación en Madrid, dubidaban se correspondía á Comunidade ou ao Concello", dixo.

PODEMOS

Con todo, sinalou que isto agora cambiou "grazas a Podemos". "Agora orientámonos con facilidade, xa sabemos se isto é da Comunidade ou do Concello", dixo, sinalado que o Goberno de Manuela Carmena é "especialista en entreter" e o da Comunidade, "en gobernar".

Para Feijóo, a "gran achega da política de Podemos na Comunidade é o exercicio de clarificación das competencias" e lamentou que a capital agora non "funcione" porque "é unha das capitais máis despistadas de Europa". "Aos españois non nos interesa que a capital da nación sexa a casa de 'tócame roque' e sen dúbida segue sendo o Concello máis importante de España", apuntou.

O presidente galego dixo que as noticias que chegan de Madrid ao resto de comunidades son "moi sorprendentes" e fixo referencia aos "titiriteros de moi mal gusto financiados con fondos públicos", ou á memoria histórica, "que non é lei nin memoria nin historia".

"As noticias que chegan son dos enfrontamentos entre as distintas faccións de Podemos e as experiencias persoais, que o propio taxista non sabe que as rúas principais de Madrid acaban de ser pechadas uns minutos e que seguirán pechadas durante días", ironizou con respecto ao peche ao tráfico da Gran Vía en Nadal.

Tamén se referiu a Podemos para falar do sistema de primarias. Tras sinalar que algúns teñen a "patente" e outros uns sistemas moi "raros", dixo que en Madrid, ademais do proceso do PP, está o de Podemos, "que consiste claramente naquel que ouse levar o contrario ao líder carismático convértese en candidato á Comunidade de Madrid".

ORGULLOSO DE AGUIRRE E GALLARDÓN

Por último, Feijóo apostou por que o partido siga "unido desde o respecto aos compañeiros" e a "coherencia co programa" e lembrou o papel de Esperanza Aguirre e Alberto Ruiz-Gallardón en Madrid, as persoas que conseguiron "as maiorías absolutas na Comunidade e o Concello".

E faino porque cre que é "necesario, xusto e lexítimo". "Os partidos que non aprenden dos erros do pasado son partidos que non teñen futuro pero os que non valoran á xente que nos trouxeron ata aquí tamén son partidos sen horizonte", lanzou, para engadir que sente "orgulloso" dos dous.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta