O Obra tumba o Real Madrid

O equipo compostelán, con máis dun 50% de acerto nas triplas, vence 90-83 aos de Pablo Laso e suman ante os madrileños a sétima vitoria, clave na loita pola permanencia. Había sete anos e medio do único triunfo dos obradoiristas en Sar contra o Real Madrid.

Por gcdeportes | Compostela | 18/03/2017 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Obradoiro 90:
Mickey McConell (17), Deividas Dulkys (9), Eimantas Bendzius (21), Whittington (12) e Pustovyi (14) –cinco inicial- Nacho Llovet (8), Txemi Urtasun (2), Aleks Maric (0), Santi Yusta (2) e Pepe Pozas (5).
Real Madrid 83: Sergio Llull (17), Luka Doncic (17), Jeffery Taylor (5), Randolph (9) e Gustavo Ayón (10) -cinco inicial- Draper (2), Rudy Fernández (8), Felipe Reyes (0), Jaycee Carroll (10) e Othello Hunter (5).
Parciais: 21-28, 16-10 (37-38), 31-24, 22-21 (90-83).
Árbitros: Carlos Peruga, Jordi Aliaga e M.A. Pérez Niz. Sen eliminados.
Incidencias: 25ª xornada da ACB disputada no Fontes do Sar ante 5.760 espectadores.

Cando peor están as cousas, aparece o Obra das grandes citas, capaz de acadar sete triplas consecutivas sen erro, anotar 52 puntos tralo descanso ante o campión da ACB e acabar tumbando o Real Madrid por 90-83, levando o éxtase a un Sar entregado. Os composteláns sumaron 11/21 (52%) en triplas e 21/23 (91%) nos tiros libres, e dominaron o rebote (35-22) ante os madrileños. Facía case catro anos que o Obra non gañaba ao Real Madrid (61-64 na tempada 2012-13). Subidón de moral para o obradoirismo coa sétima vitoria cando menos se esperaba, antes da final pola permanencia en Badalona contra o Joventut dentro de quince días.

Dominou o Real Madrid o primeiro cuarto, grazas ao acerto de Luka Doncic (12 puntos) e Sergio Llul (7 puntos). Nos composteláns, Artem Pustovyi anotou 8 dos 13 primeiros puntos (13-19). Whittington e Bendzius sumaron de tres (19-22), pero Doncic pechou o cuarto con dúas canastras consecutivas: 21-28.

Os de Pablo Laso acadaron a súa máxima vantaxe (11-22) e mantíñanse dez por riba, pero Obradoiro apertou en defensa e anulou o xogo de ataque do Real Madrid, que pasou case cinco minutos sen anotar. Dun 26-36 ao 37-38 co que se chegou ao descanso tras un parcial de 11-2.

Trala reanudación, demostración de acerto obradoirista. Dúas triplas de Dulkys (43-38), outra de Bendzius e outra de McConnell (49-43), a terceira de Dulkys e outra de Whittington (55-48) e Bendzius que pecha a xeira incríbel (60-52). Tras dúas canastras de Whittington (66-57) e tras un mate de Pustovyi, 68-62 con dez minutos por diante.

Bendzius anotou tres tiros libres (71-64), pero Obradoiro precipitouse en ataque e o Real Madrid achegouse 73-71 tras unha tripla de Rudy Fernández. O Obra apertou de novo e mantívose por diante (79-74), pero un 2+1 de Othello Hunter e unha tripla de Sergio Llul puxeron por diante aos de Laso (79-80). Non cederon os composteláns, e McConnell puxo de novo por diante o Obra (82-80) a un minuto do final. Llul e Randolph erraron de tres, Bendzius anotou dous tiros libres e un máis dunha técnica a Llul (85-80). As triplas visitantes non entraron, dende o tiro libre o Obra puxo o 90-83 definitivo e a caldeira de Sar, que obrigou aos xogadores a saír a saudar, estoupou de ledicia. Un triunfo clave na loita pola permanencia.

Rachar co maleficio

Ata esta vitoria fronte ao Real Madrid, o Obra perdera 15 dos 17 choques cos madrileños na elite. Foi o 13 de dcembro do 2009 o único precedente dun triunfo (78-68) dos composteláns como locais contra o Real Madrid, na campaña do regreso á ACB. Dende entón, seis visitas e seis derrotas ata este 90-83. A única vitoria a domicilio, 61-64 na 2012-13.

Artem Pustovyi, autor de 14 puntos, machaca o aro do Real Madrid.
Artem Pustovyi, autor de 14 puntos, machaca o aro do Real Madrid. | Fonte: ACBPhoto

Os obradoiristas celebran na pista a vitoria contra o Real Madrid.
Os obradoiristas celebran na pista a vitoria contra o Real Madrid. | Fonte: acb.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Merucu Xusticieru

Esta vitoria è inconstitucional !!!!

1 felipe vi

Sen dúbida, eu diría que é terrorismo¡