Galicia, con ganas de clásico

Riazor encherase para o segundo clásico galego, ao que Dépor e Celta chegan co ánimo a tope: os deportivistas suman 8 puntos con Pepe Mel e os celestes, malia que cansos, veñen de clasificarse para cuartos da Europa League. Ata sete xogadores galegos no campo e soará o Himno nos prolegómenos.

Por gcdeportes | A Coruña / Vigo | 19/03/2017 | Actualizada ás 08:47

Comparte esta noticia

Hai ganas de derbi. Os seareiros celestes esgotaron en apenas unhas horas as súas case 900 entradas e o Deportivo colgou onte a mediodía o cartel de 'Non hai billetes' tras vender as cen últimas. Riazor acollerá este domingo (18.30 horas) o segundo clásico desta Liga, co recordo do 4-1 en Balaídos na primeira volta e as ganas de desquite por parte dos coruñeses.

Os afeccionados do Dépor teñen convocada unha quedada para as cinco para recibir no coliseo branquiazul o autobús do equipo e hai unha petición do club para que os seareiros estean quince minutos antes en Riazor, para despregar un gran mosaico nas bancadas e para cantar o Himno galego. Se os socios do Deportivo acuden ao partido, Riazor, con capacidade para 32.200 espectadores, rexistrará o primeiro cheo da tempada, despois de ter superado os 28.000 ante o Barça. O derbi foi declarado de alto risco, e haberá un amplo dispositivo de seguridade, malia que leva anos sen haber ningún tipo de incidentes e o clásico é unha festa do fútbol galego.

Iago Aspas e Raúl Albentosa, polo chan no último derbi en Balaídos.
Iago Aspas e Raúl Albentosa, polo chan no último derbi en Balaídos. | Fonte: lfp.es

Como di Iago Aspas, nun derbi non hai favoritos, e máis tendo en conta o momento doce no que chegan os dous equipos. O Dépor ven de gañar 2-1 ao Barça, e suma 8 dos 12 puntos posíbeis con Pepe Mel no banco, e o Celta acadou 16 anos despois o seu teito histórico en competición europea tras vencer o xoves 0-2 ao Krasnodar en Rusia.

Os deportivistas contan coas baixas na defensa de Sidnei e Navarro e recuperan a Guilherme e o Toto Berizzo, que leva os 23 xogadores disponíbeis á Coruña, non pode contar con Rubén Blanco e Chelo Díaz. Aínda que o técnico celeste optou nas últimas semanas por facer rotacións na Liga, o feito de ser un derbi e que Europa non regresa ata o 13 de abril, fai pensar que aliñará a moitos dos titulares en Krasnodar malia o cansazo. Deste xeito, podería haber ata sete xogadores galegos nos onces inicias en Riazor: Álex Bergantiños, Pedro Mosquera e Joselu (que viviría o seu primeiro derbi) no Dépor e o meta Sergio Álvarez, o capi Hugo Mallo, Jonny e Iago Aspas nos celestes.

O Celta, con 35 puntos, buscará unha vitoria para achegarse aos postos europeos despois de catro xornadas sen vencer (dous empates e dúas derrotas) e o Deportivo, con 27, quere os tres puntos para manter a boa xeira con Pepe Mel (dúas vitorias e dous empates) e afastarse máis dos postos de descenso.

Aliñacións posíbeis:
RC Deportivo:
Poroto Lux; Juanfran, Arribas, Albentosa, Luisinho; Álex Bergantiños, Pedro Mosquera; Bruno Gama, Celso Borges, Fayçal Fajr e Joselu.
RC Celta: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández; Daniel Wass, Jozabed, Théo Bongonda e Iago Aspas.
Árbitro: Juan Martínez Munuera

Mosaico coa bandeira galega en Riazor nun derbi anterior co Celta.
Mosaico coa bandeira galega en Riazor nun derbi anterior co Celta. | Fonte: @RCDeportivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta