Iago Aspas decide un derbi con pouco fútbol

O primeiro gol do dianteiro moañés en Riazor dá ao Celta os tres puntos ante o Dépor nun clásico intenso pero con pouco fútbol. Os celestes, que gañan tras catro xornadas sen vitorias, suman 38 puntos e os deportivistas encaixan a primeira derrota con Pepe Mel.

Por gcdeportes | A Coruña | 19/03/2017 | Actualizada ás 21:29

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo 0
: Poroto Lux; Juanfran, Arribas, Raúl Albentosa, Luisinho; Álex Bergantiños, Pedro Mosquera; Bruno Gama (Carles Gil, 60'), Celso Borges, Fayçal Fajr (Emre Çolak, 75') e Joselu (Florin Andone, 65').
RC Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Daniel Wass (Jozabed, 86'), Tucu Hernández; Théo Bongonda (Pione Sisto, 70'), Iago Aspas e John Guidetti (Claudio Beauvue, 11').
Gol: 0-1: Iago Aspas (minuto 74).
Árbitro: Juan Martínez Munuera (valenciano). Amarelas a Luisinho (55'), Poroto Lux (74'), Pedro Mosquera (80') e Emre Çolak (92') no Dépor e a Cabral (14'), Hugo Mallo (64'), Tucu Hernández (82') e Pione Sisto (85') nos celestes.
Incidencias: partido da 28ª xornada de Primeira División no estadio municipal de Riazor ante 30.760 espectadores.

Iago Aspas celebra o 0-1 e o seu primeiro gol en Riazor.
Iago Aspas celebra o 0-1 e o seu primeiro gol en Riazor. | Fonte: lfp.es

Cando se lle acababa a gasolina, marcou o Celta. Derbi con moita intensidade pero pouco fútbol, sen apenas ocasións nas dúas portarías. Celso Borges errou un man a man con Sergio Álvarez e Iago Aspas aproveitou un centro de Beauvue para marcar o único gol do partido a quince minutos do final. O Celta foi máis fiel ao seu estilo pero sen profundidade, e o Dépor limitouse gran parte do partido a agardar un erro celeste. Decidiu o primeiro gol de Iago Aspas en Riazor, con celebración incluída mirando cara a bancada dos Riazor Blues. Despois do 4-1 en Balaídos, non houbo desquite deportivista e o Celta levou a segunda edición do clásico 2016-17, con sete galegos no céspede: Álex Bergantiños, Pedro Mosquera e Joselu no Dépor, Sergio ÁLvarez, Hugo Mallo, Jony e Iago Aspas no Celta.

Apenas sucederon cousas na primeira media hora do partido. A primeira chegada foi para Guidetti tras un pase de Wass, pero adiantouse Borges ao remate do sueco, que na tentativa de disparo quedou mancado nun xeonllo e tivo que ser substituído por Claudio Beauvue. O Dépor cedía a posesión, e o Celta tiña o control pero sen sacarlle rendemento, e as ocasións só podían chegar polos erros do rival. Nunha xogada sen perigo, Poroto Lux saiu da área a por uvas, pero Iago Aspas enleouse en varios caneos e non acertou a definir coa portaría baleira. A primeira clara do Dépor foi para Álex Bergantiños, quen quedou só no man a man co meta celeste, pero non se atreveu a disparar e errou no pase atrás. Fayçal Fajr, para o Dépor, e Wass, para o Celta, tiveron senllos disparos que petaron nas defensas rivais. 0-0 ao descanso sen apenas fútbol.

O partido puido mudar nada máis principiar o segundo tempo. Saque de centro celeste, o balón chega a Roncaglia que lle pega unha patada ao aire e Celso Borges quedou só diante de Sergio Álvarez, pero o de Catoira detivo o man a man. Pouco máis durante un bo rato, foron pasando os minutos con moitos erros e moita disputa no medio campo. Pepe Mel optou por Carles Gil e Florin Andone para tentar revitalizar o ataque deportivista, pero tan só tivo Carles Gil un disparo dende lonxe que detivo atento Sergio Álvarez.

O Celta semellaba quedar sen gasolina, despois do esforzo da Europa League en Krasnodar. Pero no minuto 74, chegou o único gol do partido: cambio de xogo de Wass para Beauvue, centro do francés e remate de Iago Aspas na área pequena tralo despiste na marca de Albentosa. O gol deu novos folgos aos celestes, e o Dépor, agoira si, meteu a Emre Çolak para buscar o empate á desesperada. A mellor dos locais foi no 86', tras unha falta que peiteou coa testa Álex Bergantiños sen atopar porta. Sen moitos apuros, o Celta termou do 0-1 e sumou tres novos puntos. E o Dépor rachou coa xeira de catro xornadas sen perder con Pepe Mel.

Iago Aspas e os celestes celebran a vitoria coa súa afección.
Iago Aspas e os celestes celebran a vitoria coa súa afección. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta