Veloso gaña a Clássica da Primavera

O ciclista arousán do W52-FC Porto chega en solitario á meta de Póvoa de Varzim e acada a primeira vitoria da tempada con 51 segundos de vantaxe. O estradense Álex Marque, do Sporting/Tavira, cuarto a 1:19 do vencedor.

Por gcdeportes | Compostela | 20/03/2017 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

O arousán Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) gañou este domingo en Póvoa de Varzim a 21ª edición da Clássica da Primavera do ciclismo portugués, unha carreira de 145 quilómetros, cun tempo de 3h:38:36.

Gustavo César Veloso, coas cores do FC Porto, acadou a primeira vitoria.
Gustavo César Veloso, coas cores do FC Porto, acadou a primeira vitoria.

Con saída e chegada na Póvoa de Varzim, o pelotón da Clássica da Primavera percorreu 145 quilómetros tras sete voltas a un circuíto onde destacaba a subida de 3ª categoria ao monte de São Félix, cun tramo de estrada empedrada. Veloso marchou dos seus compañeiros de fuga, sendo tamén o vencedor do premio da montaña, e chegando en solitario á meta, acadando desta forma a primeira vitoria da temporada, terceira da súa equipa W52-FC Porto neste curso.

“Eramos unha fuga grande que tiña equipos con máis representantes que nós. Así que tratamos de endurecela de lonxe, deixar o grupo para que o traballo do equipo non fóra tan importante. Eramos tres homes por diante e, no chairo, gañei algúns metros e logrei vencer. Aínda non estou no meu mellor momento, pero síntome mellor que o ano pasado neste momento”, dixo o ciclista arousán, de 37 anos, que un ano máis terá como grande obxectivo a Grandíssima, a 79 edición da Volta a Portugal, do 4 ao 15 de agosto.

Outros ciclistas galegos tamén tiveron unha actuación destacada. O estradense Álex Marque (Sporting Tavira) ocupou a cuarta praza, a 1:19 de Veloso; o cambadés Ángel Sánchez (W52-FC Porto) a decimoquinta, a 3:24 do seu compañeiro e líder de equipo, e o porriñés Jacobo Ucha (terceiro galego no W52-FC Porto), 40º a 4:00 do vencedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta