A feira do libro chegará a 16 concellos, “a cifra máis elevada da última década”

Verín, Ponteareas e Mondoñedo incorpóranse a esta cita, pero perde a Pontevedra, mentres tamén irá a catro eventos internacionais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2017 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

As feiras do libro celebraranse este ano nun total de 16 concellos galegos, dous máis que en 2016, e terán lugar entre os meses de marzo e agosto. Deste xeito, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asegurou que se trata de "a cifra máis elevada da última década". Así o anunciou este martes na presentación do calendario das feiras do libro de Galicia 2017, na que tamén confirmaron que a Xunta apoiará a presenza do sector editorial galego en catro citas internacionais: Bolonia, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalajara (México).

Presentación do calendario das Feiras do Libro 2017
Presentación do calendario das Feiras do Libro 2017 | Fonte: Europa Press

Así mesmo, Román Rodríguez informou de que este ano "a Consellería de Cultura e Educación tamén apoiará a asistencia do sector noutra cita crave como é Liber 17". Esta Feira Internacional do Libro regresará nesta ocasión, con motivo do seu 35 aniversario, ao Ifema en Madrid.

No mesmo acto, Román Rodríguez afirmou que "o libro ten unha importancia estratéxica para Galicia" e subliñou a importancia de fomentar a lectura entre os máis novos.

Neste sentido, asegurou que desde a Administración autonómica "están a apostar pola potenciación das bibliotecas escolares" e que, grazas aos plans de lectura levados a cabo, cambiaron a percepción deste espazo. Segundo o conselleiro, a biblioteca pasou de ser un lugar de castigo a converterse no "corazón educativo do centro".

PARTICIPANTES E INCORPORACIÓNS

Outros dos participantes nesta presentación foron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén estiveron presentes representantes dos concellos incluídos no circuíto.

Como novidade, este ano, incorpóranse ao circuíto das feiras do libro os concellos de Verín (Ourense), Ponteareas (Pontevedra) e Mondoñedo (Lugo), mentres que Pontevedra non participará nesta ocasión.

CALENDARIO FEIRAL

En canto ao calendario das Feiras do Libro deste ano, a localidade encargada de abrir a tempada será Verín, entre os días 31 de marzo e 2 de abril. Por parte o seu parte, Monforte de Lemos (Lugo) pechará esta edición entre o 23 e 26 de agosto.

Outras das localidades que participarán serán Ferrol, do 19 ao 23 de abril; Santiago de Compostela, entre o 29 de abril e o 7 de maio; O Porriño, do 11 ao 14 de maio; Lugo, do 16 ao 21 do mesmo mes; Ourense, entre o 31 maio e o 4 de xuño; Redondela , do 15 ao 18 de xuño; Ribeira, do 22 ao 25 de xuño.

Vigo celebrará a feira entre o 29 de xuño e o 8 de xullo e, tamén en xullo, farano Rianxo, do 20 ao 23; Mondoñedo, do 24 ao 26; e Ponteareas, entre o 27 ao 30. Finalmente, en agosto terá lugar esta cita na Coruña, entre o 1 e o 10; Viveiro, do 13 ao 16; e Foz, do 17 ao 20.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta