Temas: RURAL AGRO LEITE

230 millóns de euros para fixar poboación no rural

A Xunta propón 23 medidas orientadas, entre outras cuestións, a impulsar a industrialización do agro galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2017 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aproba este xoves un plan "específico" co obxectivo de fomentar a fixación de poboación no rural, dotado con 230 millóns de euros, segundo avanzou o presidente, Alberto Núñez Feijóo. Anunciouno durante a súa intervención da inauguración da primeira xornada técnico-económica sobre explotacións lácteas galegas, que organiza Clun, Cooperativas Lácteas Unidas, que aglutina Feiraco, Melisanto e Irmandiños.

Feijóo, na xornada organizada este mércores por Clun
Feijóo, na xornada organizada este mércores por Clun | Fonte: Europa Press

Feijóo concretou que ese plan para fixar poboación no rural constará de 23 medidas orientadas, entre outras cuestións, a impulsar a industrialización do agro galego.

Antes que el tomou a palabra o presidente de Clun, José Ángel Blanco, quen mostrou a súa convicción sobre a relevancia da unión dos gandeiros, para gañar en volume de produción e incrementar a innovación e a internacionalización.

"Era un paso que tiñamos que dar", proclamou, ante un palacio de congresos co auditorio abarrotado que, antes desta inauguración formal, asistiu ao relatorio sobre a evolución dos mercados do leite e os seus derivados a cargo dunha técnica da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, Sophie Helaine.

"NUNHA ENCRUCILLADA"

No seu discurso, Núñez Feijóo recoñeceu que o lácteo se atopa nestes momentos "nunha encrucillada", pero destacou que esta situación "non é distinta" á que atravesan, por exemplo, a automoción e o naval, que teñen que competir con salarios máis baixos en Portugal, Marrocos e Asia, respectivamente.

"Pero estamos a competir con éxito", contrapuxo, para subliñar que "Galicia é capaz, se se organiza, de competir". "Dicídenos ao Goberno que temos que facer (...) O único límite é o cumprimento das leis", resaltou.

A este respecto, ante a presenza tamén da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e outros responsables de Clun, o titular do Executivo galego reivindicou medidas postas en marcha como a lei de estrutura agraria e a forestal, ou a marca 'Galega 100%'.

Neste contexto, chamou a producir "a menos prezo, con máis calidade", para "ser máis rendibles", nun panorama no que "a unidade é moito mellor que a división". De feito, tras reflexionar sobre que "a xestión antiga vai desaparecendo para dar paso á nova xestión", concluíu cunha frase do ex-presidente Manuel Fraga, ao afirmar que "xuntos imos a máis e divididos imos ao carallo".

"UN FARO MOI IMPORTANTE"

Feijóo reiterou, como xa fixera durante a presentación de Clun na planta que a cooperativa ten en Ames (A Coruña), que o seu equipo seguirá apoiando proxectos como este, que equiparou cun "faro moi potente no lácteo galego".

Ademais, mencionou a necesidade de que os gandeiros perciban unha "renda digna" polo seu traballo, e asegurou que o resto do sector está agora mirando "cara ao noroeste" ao ver que a comunidade galega "está a organizarse".

Neste marco, opinou que o acto deste mércores é "importantísimo", pois permitirá aos "protagonistas" das explotacións ter "a información correcta", materia prima para tomar boas decisións.

Temas: RURAL AGRO LEITE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 eusi

Outro tangazo coma o do Fraga coas casas rurais: virán os PPodres espabilados para copar as axudas, meter os cartos no PPeto, desapareceren, e aqui paz e despois gloria. PPaoPParo

2 anonimo

Dende a ignorancia de quen non ten vacas. Clun o que ten que facer é montar a súa propia transformadora aquí. De leite en pó a flans. E venderlles ás marcas. Ou directamente a distribuidores de alimentación.

1 xy7A

Pois algo xa teñen, porque Clesa fai flans e pertence a Feiraco.

1 Braisiño

Cantos polideportivos, paseos fluviais, festas gastronómicas, etc se farán con eses cartos? A que bolsillos de amigos irán a parar? Polo demáis, fixar poboación en serio SÓ se fai potenciando o sector primario. No destruindoo, como ata agora fixo o PP. Tirarán outra vez cos cartos e non servirá de nada.