Un fillo do falecido atropelado por un veciño en Cedeira declara que houbo algún "encontrón físico"

O acusado enfróntase a unha pena de 21 anos de cárcere por un delito de asasinato

A CORUÑA | 22/03/2017 | Actualizada ás 14:56 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Un fillo do home que morreu atropelado por un veciño en Cedeira (A Coruña) declarou que o acusado, que se enfronta a unha pena de 21 anos de cárcere por un delito de asasinato, chegou a ter algún "encontrón físico" co seu pai con anterioridade aos feitos.

Así o manifestou na súa declaración durante a terceira sesión do xuízo que se segue na Audiencia Provincial da Coruña polo atropelo mortal dun veciño co que o acusado tiña unha longa inimizade.

Por estes feitos, a Fiscalía reclama que sexa condenado a 21 anos de prisión, mentres que e a acusación particular solicita 24. Ambas acúsano dun delito de asasinato ao considerar que o procesado arroiou á vítima intencionadamente.

Este fillo do falecido recoñeceu a mala relación entre acusado e vítima, quen -segundo asegura- chegaron mesmo a ter algún "encontrón físico". Un feito que tamén corroborou un avogado que traballou para a vítima nalgún dos preitos contra o acusado en relación a uns problemas de humidade derivados dunha obra propiedade do procesado.

Esta testemuña relatou como nunha ocasión viu como vítima e acusado estaban a pegarse. "Estaban encerellados o un contra o outro", afirma.

FEITOS

O acusado, na segunda sesión do xuízo, alegou que a vítima se lle "cruzou" na estrada, negando así que o atropelo fose intencionado e subliñou que foi un "accidente casual".

Fronte a isto, a Fiscalía entende que o atropelo foi "intencionado", polo que solicita unha pena de 21 anos de prisión para o home por un delito de asasinato.

Os feitos ocorreron o 10 de agosto de 2012 no paseo marítimo de Cedeira. A vítima camiñaba pola zona sobre as 9,50 horas. O procesado atopábase no coche e viuno pasar pola calzada no mesmo sentido da súa marcha.

Entón, segundo o escrito do Ministerio Público, "variou a traxectoria e arroioulle por detrás sen que a vítima puidese advertilo nin facer nada por evitalo e sabendo que con iso lle ocasionaría a morte ou, cando menos, que esta sería a consecuencia máis probable da súa acción". O xuízo retomarase este venres.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta