A Xunta terá en conta se houbo "problemas técnicos" na tramitación de axudas a cinco festivais de cinema

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalou que "a Xunta de Galicia terá en conta se houbo problemas técnicos" na tramitación das subvencións que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) outorga anualmente aos festivais audiovisuais e que deixou fóra destas axudas a varios certames --Festival de Cans, Curtocircuito, Cineuropa, Freakemacine e Primavera do Cinema--.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2017 | Actualizada ás 17:43 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalou que "a Xunta de Galicia terá en conta se houbo problemas técnicos" na tramitación das subvencións que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) outorga anualmente aos festivais audiovisuais e que deixou fóra destas axudas a varios certames --Festival de Cans, Curtocircuito, Cineuropa, Freakemacine e Primavera do Cinema--.

Preguntado polos xornalistas en Pontevedra por esta polémica, Anxo Lorenzo lembrou a entrada en vigor dunha lei que obriga a que as solicitudes das subvencións se realicen "só por vía telemática" a través dun portal web da Administración autonómica.

Aínda que estes certames remitiron os documentos requiridos por correo certificado e dentro do prazo esixido, as súas solicitudes foron invalidadas. "Non entraron en tempo e forma e por tanto foron rexeitadas", manifestou o secretario xeral de Cultura.

O Festival de Cans xa anunciou que emprenderá accións legais contra a Xunta por unha situación que definen como "anómala e non axustada a dereito" e sinalaron a existencia de "problemas co rexistro electrónico", polo que decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requirido.

"Nós o que lles dixemos é que poden recorrer", indicou Anxo Lorenzo, que engadiu que "se efectivamente é certo" que tiveron algún tipo de "problema técnico" para enviar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta "iso é moi facilmente comprobable", xa que "queda todo rexistrado" por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Unha vez que se presenten os recursos coas alegacións oportunas o secretario xeral de Cultura indicou que "se efectivamente foi unha cuestión técnica, iso é facilmente demostrable". "E tomaremos as medidas para liquidar estas cuestións", comentou. En caso contrario "son solicitudes entregadas fóra de prazo e aí non hai nada que facer", apostilou.

Anxo Lorenzo insistiu en que "o Festival de Cans do mesmo xeito que o resto de festivais", do catro que están nesta circunstancia "o que teñen que facer é interpor un recurso de reposición, que é o que di a lei". "Independentemente de que fagan calquera outro tipo de cuestión", indicou.

Finalmente, Anxo Lorenzo destacou que a existencia de problemas técnicos na formalización das solicitudes a través da sede electrónica "iso deixa rastro, iso deixa pegada electrónica". "E evidentemente nós teremos en conta esas circunstancias", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta