Temas: ZAS CARBALLO

Polémica en Baio pola intención do Concello de mercar unha carballeira para protexela

Os donos da carballeira queren que o concello lles pague máis ou ameazan con boicotear a Festa da Carballeira. Contan co apoio do PP local.

Por Galicia Confidencial | Zas | 23/03/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Se algo senten como seu os veciños e veciñas de Baio é a Festa da Carballeira; unha romaría á que asisten todas as familias da vila cada último domingo do mes de xuño. A celebración ten lugar na devesa “de Astray”, uns propietarios que levan anos cedendo o terreo para tal fin. 

O último domingo de xuño célebrase na Carballeira de Baio unha festa de merendas organizada pola asociación cultural Adro
O último domingo de xuño célebrase na Carballeira de Baio unha festa de merendas organizada pola asociación cultural Adro | Fonte: QPC

Pero, coa intención de preservala, o concello de Zas viu a necesidade de mercar este espazo natural; algo que non sentou moi ben entre algunhas partes. “É unha carballeira única na Costa da Morte que a día de hoxe ten moitos carballos enfermos. A nosa intención é conservala para evitar a súa desaparición xa que salta á vista que necesita un plan de saneamento, de recuperación e de rexeneración”, sinala Manuel Muíño – alcalde de Zas -. 

E, curiosamente, un dos molestos coa decisión do equipo de Muíño é o grupo municipal do partido Popular – liderado por David Gómez – quen acusa ao alcalde de “crear un problema veciñal onde non o había co seu capricho de adquirir para o municipio os terreos da Carballeira de Baio”.

“Non hai necesidade ningunha de que o concello entre nunha disputa coas familias propietarias destes terreos”, asegurou o popular tras coñecer que o executivo local está disposto a iniciar o proceso de expropiación no caso de que as donas non accedan ás condicións de compra que fixa o goberno local. 

“Todos sabemos que hai maneiras de poder taxar este terreo doutra maneira”, dixo Gómez, quen incidiu en que, de non ser así, ou de non querer facelo así, o concello non debería iniciar o proceso de expropiación e crear un problema onde non existe. “Hai suficientes necesidades que atender e problemas que resolver como para que o alcalde pretenda gastar o diñeiro dos veciños nun capricho seu”, lamentou o popular quen fixo fincapé en que o goberno municipal conta cos cartos para pagar un prezo xusto polos terreos.

Contradicións

Para o alcalde de Zas, Lolo Muíño, estas acusacións do Partido Popular son contraditorias xa que “di que é un capricho, pero, que lle temos que pagar máis polo terreo”. “A nosa sorpresa é que un concelleiro defenda os intereses privados fronte os intereses públicos”, sinala Muíño.

En canto ás negociacións pola adquisición do terreo, o alcalde de Zas aclara que unha administración non pode negociar igual que o faría un comprador privado. “Hai un prezo de taxación que non se pode mover e se o propietario non está de acordo con ese prezo – algo que o alcalde considera totalmente lícito – a administración conta co mecanismo da expropiación”, aclara Lolo Muíño. O prezo de taxación estipulado é algo máis de 3€ por metro cadrado o que suporía comprar o terreo da Carballeira por uns 30.000€.

Organización da festa

Dende a asociación cultural Adro – entidade encargada de organizar a festa – esperan que as dúas partes implicadas (propietarios e concello) resolvan as diferenzas para poder organizar a festa. Polo momento, contan co “non” das propietarias, xa que se negan a ceder o terreo para a romaría deste ano a non ser que o concello lle ofreza un valor máis alto. “Estamos dispostas a vender sempre e cando se nos ofreza un prezo normal”, sinala Mª del Carmen Astray, unha das propietarias da Carballeira.

“A nosa condición é que o alcalde de Zas fale con nós e que cheguemos a un acordo polo ben de todos. De non ser así, este ano non cederíamos o terreo para celebrar a festa“, indica Mª del Carmen Astray. Ao respecto, Lolo Muíño aclara que “o concello apoiaría a Adro se decide trasladar a festa a outro espazo, como podería ser Pedra Vixía” pero non está de acordo con que a celebración da festa ou a non celebración se use como forma de presión para as negociacións.

Do medio colaborador Que Pasa na Costa

Temas: ZAS CARBALLO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

O Concello pode facer como fixeron os PPodres coa área das dunas de Corrubedo: expropiar sen pagar un peso permitindo aos donos usos tan restrinxidos que dan as leiras por perdidas. Viva as politicas de expropiación aPPodrecidas!