Temas: CONCURSO

“Falo galego porque me sae da lingua”

O xurado do concurso 'Lingua de namorar' concede os premios ás mensaxes gañadoras desta edición do certame dedicado a potenciar o galego entre a mocidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/03/2017 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, fixeron pública a resolución da quinta edición do certame de declaracións de amor na rede "Lingua de namorar". O xurado –que estivo presidido pola escritora María Canosa– concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as máis votadas no concurso, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística das declaracións de amor que presentaron. Para alén dos premios, o xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra.

Campaña 'Gústame o galego'.
Campaña 'Gústame o galego'.

Preto de 600 mozos e mozas participaron en ‘Lingua de namorar’ durante as catro semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes. O prazo de participación estivo aberto do 14 de febreiro ao 5 de marzo e, a partir do 6 de marzo os usuarios e usuarias puideron votar polas súas mensaxes favoritas ata o 10 deste mesmo mes.

Na categoría A, de 14 a 19 anos, os premiados foron:

1º premio: 'Eternidade', de Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra).

"E da nosa efémera existencia, quedará, quizais, o doce sangue que aloumiñe os latidos doutros corpos."

2º premio: 'Escribindo poesía', de Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra).

"Decidiches escribir poesía comigo, empregando metáforas atopadas nos meu ollos, redactando versos sacados dos meus beizos, engadindo refráns arrincados das nosas vivencias... Desexaches que formase parte desta historia, sendo así o capítulo culminante da túa vida. Decidiches escribir poesía comigo, e nela me enclaustrei para non perderte xamais..."

3º premio: 'Foliada de mel', de Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra).

"Gustaríame bailar contigo un baile tan longo que o chan se cansase dos nosos pés."

Na categoría B, de 20 a 35 anos, os premiados foron:

1º premio: 'Ti, produto de risco', de Diego Arranz Fernández (Ourense).

"Víase de lonxe que eras un produto de risco, pero nin a recesión me puido conter para mercar participacións da túa vida. Queimei a calculadora axustando as contas e botei man de todas as apps que achei para xestionar a miña economía. O meu asesor fiscal é optimista, pero ben sei que sigo en crise. Aínda te quero por riba das miñas posibilidades."

2º premio: 'De Rosalía a Benedetti', de Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña).

"Ti lías a Rosalía, eu lía a Benedetti. Ti bebías Pepsi, eu bebía Estrela. Ti es un anxo e eu son o demo. Mais se algo sei de ti e de min é que a pesar de sermos tan diferentes complementámonos como a lúa e o sol, o coñac e o anís doce, e como a luz e as gotas do orballo para facer miles de arcos da vella."

3º premio: 'Contando', de Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense).

"Ámote, e gustaríame contar contigo. Un, dous, tres… ata o infinito."

O xurado tamén decidiu conceder unha mención de honra, pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias, á mensaxe 'En galego', de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña): "Falo galego porque me sae da lingua".

PLAN DE DINAMIZACIÓN

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado traballan xa no que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta, unha nova folla de ruta para a promoción do uso social do idioma propio de Galicia desde o ámbito da mocidade que está previsto que presenten este mesmo ano os dous departamentos.

Ao abeiro del, implementaranse iniciativas como 'Lingua de namorar' ou outras que teñan como obxectivos específicos potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona para darlle así cumprimento ás directrices do sector 2 do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego no ano 2004.

Temas: CONCURSO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 PUGNAZ

Queridos amigos, temas como este solo pueden tratarse en serio desde una base de partida: la Constitución española de 1978 que nos configura como una sola nación española que cuenta con un solo estado unitario y el vínculo de una lengua común, que todos los españoles deben conocer. Junto a esta, pueden cultivarse las lenguas regionales o minoritarias. Pero la natural acogida que debe darse a quienes cultivan con rectitud su propia lengua regional o minoritaria, en ningún caso puede inducir a favorecer ideas como las que subyacen en este teatrillo con un claro cariz político, segregacionista, pugnaz y de mantenimiento del negocio con el consiguiente katrocinio mediante subvenciones o puestos de trabajo artificiosos con resultados netamente desfavorables. Un cordial saludo.

1 ixtlan

Carai, este comentario volve ós lemas casposos e resesos que parecían ultrapasados. Polo menos esta vez non está disfrazado de falso espírito igualitario! Todo prexuízos de arriba abaixo, nada se esconde.

1 Merucu Xusticieru

Nostrus !!!!!