TURISMO.- Luz verde á estratexia turística galega ata 2020, co reto de alcanzar os 6 millóns de visitantes

Turismo achegará 300.000 euros para "afianzar" a súa colaboración coa Catedral de Santiago para mellorar a atención a peregrinos

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2017 | Actualizada ás 18:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este xoves a nova Estratexia de Turismo de Galicia ata 2020, que, cunha achega de 240 millóns de euros, aspira a "seguir batendo marcas" de visitantes e preparar o Xacobeo 2021.

Peregrinos do Camiño. Turistas
Peregrinos do Camiño. Turistas | Fonte: Europa Press

En concreto, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fíxase o reto de lograr unha subida dun 21 por cento do número de turistas ata chegar ao seis millóns, ademais de seguir potenciando o turismo internacional, de forma que chegue a representar "un terzo do total" (dous millóns de visitantes estranxeiros).

A estratexia aspira a crear un destino único e diferencial; impulsar unha nova forma de xestión que incorpore a todos os axentes da cadea de valor e que facilite a sustentabilidade sen renunciar a criterios de rendibilidade económica e social; e mellorar a captación de turistas e a súa fidelización a través dunha oferta segmentada e de calidade.

Abordará 11 liñas de actuación que abarcan 90 propostas de acción nos ámbitos de paisaxe, recursos naturais, valores diferenciadores, mobilidade turística, os Camiños como "dinamizadores" do país, a cooperación na cadea de valor, a rendibilidade, a formación de calidade e profesionalización, a sensibilización sobre o turismo como motor de desenvolvemento, a comercialización, a internacionalización, e a innovación turística e as novas tecnoloxías.

Feijóo subliñou que a paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade será unha das principais prioridades desta folla de ruta, contando co 37 por cento do total do investimento. Así, as políticas turísticas do próximos catro anos apostarán polo ecoturismo como elemento tractor do rural galego, a través da creación de novos produtos vinculados á natureza.

CONTROL DOS PUNTOS DE SATURACIÓN

A nova estratexia tamén inclúe o desenvolvemento dunha metodoloxía que permita xestionar os "altos niveis de demanda turística" que producen a "saturación" nalgunhas zonas. O presidente exemplificou coa Praia das Catedrais, onde xa se está actuando.

Deste xeito, poderase impulsar unha oferta cultural e de lecer para estes puntos e, así, evitar a degradación do patrimonio cultural e natural de Galicia.

COLABORACIÓN COA CATEDRAL

Por outra banda, a Xunta tamén aprobou o acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago para a mellora da atención a peregrinos e visitantes.

Así, achegará 300.000 euros para colaborar en iniciativas relacionadas co Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago e en actividades que promova a Catedral relacionadas coas rutas xacobeas.

Feijóo resaltou a importancia do Camiño e lembrou que, en 2016, un total de 278.232 peregrinos recolleron o seu 'compostela' na Oficina do Peregrino de Santiago, o que supuxo un máximo histórico ao superar a cifra alcanzada no último Ano Santo, o Xacobeo 2010.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta