Canto contamina Galicia?

As instalacións industriais do país emitiron 14,1 millóns de toneladas de CO2 no 2016, fronte ás 15,3 no exercicio anterior. Sen embargo, segue sendo a segunda comunicade do Estado que máis contamina. Xunta e Endesa acordan crear unha nova estrada de uso privado para As Pontes.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia emitiu á atmosfera 14,1 millóns de toneladas de CO2 o pasado ano, o que supón unha redución de 1,2 millóns de toneladas (un 8%) con respecto ao ano pasado. Un descenso importante, pero que non consegue baixar ao país das autonomías máis contaminantes do Estado.

Sectores que máis emisións de CO2 botan á atmosfera
Sectores que máis emisións de CO2 botan á atmosfera

A Consellería de Medio Ambiente deu a coñecer este xoves o contido do informe preliminar sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro das instalacións afectadas polo comercio de dereitos de emisión no ano 2016. E, do informe, despréndese que, as 48 instalacións que participaron ao longo de 2016 no comercio de dereito de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) declararon un total de 14,1 millóns de toneladas de CO2 (14.140.505).

Nese exercicio, as instalacións galegas declararon 15.353.320 toneladas.  Desagregando os datos por sectores, a xeración de enerxía eléctrica producida con combustibles fósiles continúa a ser o sector que contribúe en maior medida ás emisións reguladas polo comercio de dereitos de emisión en Galicia e representa o 66,4% das emisións totais declaradas. No resto de sectores, destacan as achegas realizadas polo sector do refino e produción de hidróxeno e o da produción de aluminio, que representa respectivamente, o 9,8 e o 8,9% das emisións totais.

Máis contaminante do Estado

Sen embargo, Galicia segue sendo unha das comunidades que máis contamina do Estado, só superada por Asturias. E o certo é que o país emite case cinco toneladas de CO2 á atmosfera por habitante. 

Os principais puntos de contaminación por CO2 en Galicia
Os principais puntos de contaminación por CO2 en Galicia

O carbón é o principal responsable destes altos rexistros de dióxido de carbono. Andalucía chega a emitir o 19% de todas as emisións de fontes fixas do país, seguido de Asturias (16%), Galicia (11%), Cataluña (10%) e Castela e León (9%). E aquí é a central térmica das Pontes a que máis contamina. 

No ano 2015, España emitiu 337 millóns de toneladas totais de gases de efecto invernadoiro, dos que o 40,4% corresponden ao sector industrial e enerxético, unhas 137,1M de toneladas segundo o Rexistro Nacional de Emisións (Renade). 

Evolución dos sectores 

O informe preliminar presentado en Consello da Xunta destaca que as emisións de gases de efecto invernadoiro diminuíron na xeración de enerxía eléctrica producida con combustibles fósiles, que viu reducidas as súas emisións en 1,3 Mt de CO2eq.

Tamén son destacables os descensos rexistrados nos sectores da produción de aceiro e ferroaliaxes (18.466 t de CO2 eq) e a fabricación de cemento, cal ou magnesita (17.466 t CO2eq). En termos relativos destaca, xunto co descenso dun 12,2% nas emisións asociadas á xeración de enerxía eléctrica producida con combustibles fósiles, a redución dun 12,8% no sector de produción de cemento, cal ou magnesita.

A outra cara da moeda son aqueles sectores que viron incrementadas as súas emisións, entre os cales destaca o sector da coxeración-combustión, que agrupa un conxunto heteroxéneo de industrias pertencentes, entre outros, aos sectores da alimentación, fabricación de taboleiros de madeira, automoción ou xestión de subprodutos animais, o cal emitiu 92.130 t de CO2eq (un aumento do 8,5%) máis que o ano anterior. Nas seguintes gráficas pódese acceder á informacións sobre a variación porcentual das emisións GEI en 2016, respecto do ano 2015, por sectores. 

O sistema europeo de comercio de dereitos de emisión (EU ETS) constitúe un dos mecanismos máis destacados que implantou a Unión Europea para o cumprimento dos seus obxectivos en materia de cambio climático. Afecta máis de 11.000 instalacións en toda Europa pertencentes aos principais sectores consumidores de enerxía. Na actualidade, en Galicia existen un total de 48 instalacións que están a participar no comercio de dereitos de emisión.  

Endesa contará cun vial propio

Por outra banda, o Consello da Xunta deste xoves tamén autorizou  a sinatura dun convenio entre o Goberno galego, a través das Consellerías de Infraestruturas e Vivenda e de Facenda, con Endesa Generación S.A., para a reordenación do sistema viario das Pontes, para acadar o cumprimento da central térmica dunha directiva europea referida ás emisións industriais. O custo total da actuación, que será asumido na súa totalidade por Endesa, foi estimado en 3,89 millóns de euros, e inclúe a expropiación dos terreos, a execución das obras e os contratos de servizos accesorios. 

Segundo informou a Xunta, a empresa precisa a explotación da estrada autonómica AC-861, entre o punto quilométrico 26+670 e o 27+550. Este tramo está situado entre a central térmica e o río Eume, e o ciclo combinado de gas, moi próximo ás instalacións da infraestrutura eléctrica e que rexistra un tráfico orixinado principalmente polos accesos á propia central e como conexión coa autovía Ferrol-Vilalba. 

Por iso, o Goberno galego acordou con Endesa unha reorganización do vial. Deste xeito, executarase unha nova estrada que sirva como circunvalación ao núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da residencial e mantendo ao mesmo tempo a conexión existente coa AG-64. A nova estrada será de uso público, mentres que a vella quedará de vial de servizo para Endesa. 

Vial que Endesa e Xunta acordaron facer no entorno da térmica das Pontes
Vial que Endesa e Xunta acordaron facer no entorno da térmica das Pontes | Fonte: Xunta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Primeiro o primeiro

Antes deso por favor preocuparse do que contaminan o nostrus e mailo Bufffff aquí en galiciaconfidencial, porque botan moito lixo impunemente.