Derbi con aroma a play-off

O Cafés Candelas Breogán, aínda na loita pola primeira praza da LEB Ouro, recibe no Pazo (20.45 horas) a Leyma Coruña, que nunca perdeu con Tito Díaz no banco na Liga regular. Lobito Fernández, dúbida nos lucenses.

Por gcdeportes | Lugo / A Coruña | 24/03/2017 | Actualizada ás 08:48

Comparte esta noticia

Derbi apaixoante no Pazo lucense. Breogán e Básquet Coruña, Cafés Candelas e Leyma. Xunto con Palencia, os mellores anotadores da LEB Ouro. Os lucenses, con só nove derrotas, loitan aínda pola primeira praza que dá ascenso directo á ACB e os  coruñeses, afianzados en postos de play-off, buscan a mellor posición posíbel cara ás eliminatorias finais. E no banco visitante, Tito Díaz, unha institución en Lugo, ao que sempre se lle dá moi ben o Breo: doce partidos nas catro últimas tempadas, nove vitorias coruñesas, 3-2 na eliminatoria de ascenso a campaña pasada e invicto no Pazo como técnico do Leyma en Liga regular (tres de tres).

Tito Díaz, tres de tres co Leyma no Pazo lucense en Liga regular.
Tito Díaz, tres de tres co Leyma no Pazo lucense en Liga regular. | Fonte: @basquetcoruña

“Agardo que sexa unha festa do baloncesto galego. Verase un encontro atractivo para o espectador, porque o Breogán é o equipo que máis anota da Liga e nós o terceiro. Somos dous equipos que buscan o espectáculo”, apunta o técnico lucense, que conta co plantel máis amplo da categoría, doce xogadores que se reparten os minutos para tentar manter a intensidade durante os corenta minutos.

O Breo suma cinco vitorias nas seis últimas xornadas, pero dúas das tres últimas derrotas foron no Pazo ante a súa afección (Gipuzkoa e Lleida). Ademáiis, o equipo de Natxo Lezcano afronta o derbi tras unha semana complicada no apartado físico, con varios xogadores tocados, pero no que só Lobito Fernández é seria dúbida. Os lucenses contan tamén cun plantel longo, once xogadores, despois das chegadas de Thomas Bropleh e o pivote coruñés, ex do Leyma, Mario Cabanas. E conta co apoio do Pazo, sempre espectacular, que agarda con expectación un novo derbi. Lezcano reclama dos seus contaxiarse da motivación do Pazo, e estar concentrados durante os 40 minutos, algo que falla acotío no Breo.

“Gañar fóra cando o equipo da casa anota máis de 90 puntos vai ser moi difícil. O noso primeiro obxectivo é ter un bo nivel defensivo sobre os seus xogadores importantes, pero o Breogán ten poucos xogadores non importantes, polo que haberá que estar atentos a todos os seus xogadores. E logo o control do rebote, podemos facer unha boa defensa pero se concedemos 15 rebotes de ataque, teremos poucas opcións. E logo ser nós mesmos”, di o técnico do Leyma Coruña, que estará acompañado por preto dun cento de afeccionados. 

No encontro da primeira volta, Leyma venceu 94-85 a Breogán, con 14 triplas dos coruñeses, pero xa non estará Dago Peña, autor de 22 puntos naquela xornada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta