Augas de Galicia confirma a alta contaminación por metais tóxicos dos efluentes da mina de San Fins

ADEGA insta a este organismo público a que lle denegue o permiso de vertedura a Tungsten San Finx SL, actual concesionaria da mina.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/03/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Augas de Galicia acaba de confirmarlle á organización ecoloxista ADEGA que os afluentes da mina de San Fins sofren alta contaminación por metais pesados.

Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA
Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA Contaminación do rego de San Fins, en Lousame / ADEGA

O pasado xaneiro, esta entidade puxera en coñecemento dese organismo público novas verteduras ao dominio público dende esta mina tras tinguir de laranxa o rego de San Fins. E, agora, o expediente aberto por Augas de Galicia confirma outra volta e con novas analiticas, que algúns metais tóxicos sobardan os límites legais mesmo 1500m augas abaixo da mina.

"Estes metais pesados son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas. E lembremos que rego de San Fins desauga no Vilacoba e este na ría de Noia, centro dunha grande produción marisqueira", indica a organización ecoloxista.

Denuncias

Prcisamente, ADEGA xa denunciara que o proxecto de "Tungsten San Finx SL" de recuperar a actividade mineira traía de agasallo a vertedura de 1 millón de metros cúbicos anuais procedentes das galerías inundadas, e que estas augas tiñan unha alta carga contaminante de metais tóxicos. Así o confirmaron as anlíticas realizadas pola entidade ecoloxista en 2016.

"A resposta da empresa foi, por unha banda, solicitar a suspensión do procedemento por 3 meses para proceder a novos estudos de tratabillidade e calculos hídricos e estruturais", lembra ADEGA, que indica que tamén ameazou con denunciar a un membro desta entidade por ter accedido sen permiso ao "seu" recinto mineiro.

Por iso, ADEGA insta a Augas de Galicia a que conclúa xa o expediente denegando o permiso de vertedura a "Tungsten San Finx SL" . "O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xosé Marcelo Romeu Herbón

É un perigo para a saúde pública e asemade unha ameaza gravísima para o futuro dos rurais e cidadáns dos concellos afectados. Onde está SEPRONA? FIscalía? Consellaría? Xunta? Ministerio? Gobierno de España? Consello da Unión Europea? Igual que nos paquetes do tabaco, as autoridades competentes deberían colocar grandes carteis dentro e fóra desa empresa, para sinalar e advertir á cidadanía da gravidade e do perigo que esta empresa supón para a contorna. Despois de advertir do terrorismo ambiental que practica dita emrpesa contra os intereses da inmensa maioría debería proceder a pechar definitivamente a mina e sancionar aos (ir)responsábeis das verteduras e demais irreguladridades practicadas en todo este tempo.

1 Gamela

Parabéns ADEGA! A ver se alguén sabe onde se poden ver as "medicións" que fai Augas de Galicia das augas que manan das EDAR de Vigo e Teis... Non sabemos canta porquería botamos á Ría e o negocio é redondo xa que todos pagamos o Canon de Saneamento (onde se pode coñecer a calidade destas augas?) https://flic.kr/p/QpAGAj