(AMP) Angrois.- O xuíz rexeita suspender a declaración do cargo investigado, como pedían o seu avogado e Adif

O Avogado do Estado sostén que "ningunha norma" indica que "naquela data" houbese que practicar unha avaliación integral da liña

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2017 | Actualizada ás 20:28 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, rexeitou a suspensión da declaración do cargo de Adif ao que citou como investigado polos supostos delitos de 80 homicidios e 144 lesións na causa que investiga o accidente do tren Alvia en Angrois, en xullo de 2013.

Nunha providencia con data de este 24 de marzo á que tivo acceso Europa Press, o xuíz admite a trámite, pero nun só efecto, os recursos presentados tanto polo avogado do exdirector de seguridade na circulación investigado, Andrés Cortabitarte, como polo Avogado do Estado, en representación do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif).

Estima o maxistrado que non procede a suspensión da declaración do investigado, que xa foi aprazada por motivos de saúde e que está fixada para o vindeiro martes, 4 de abril.

Contra esta decisión, segundo recolle a providencia, cabe impugnación mediante interposición de recurso de reforma no prazo de tres días ante o mesmo órgano xudicial.

O RECURSO DO AVOGADO DO ESTADO

Ademais do recurso de apelación presentado xa o martes polo letrado que defende a Cortabitarte, que descargou responsabilidades na consultora Ineco e no Ministerio de Fomento, o propio Adif, a través do Avogado do Estado, recorreu a citación como investigado do seu traballador.

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, asegura que "ningunha norma permite defender que naquela data houbese que practicar unha avaliación integral, a nivel de sistema completo, ou que tivese en conta as interaccións dos distintos subsistemas, con arranxo ao anexo I do regulamento MCS". "Non existe, pois, a norma de coidado, entendida como norma xurídica, que poida estimarse incumprida", apunta.

O representante legal de Adif lamenta que o maxistrado se base no perito César Mariñas para chegar a conclusións sobre o perigo da curva de Angrois que, ao seu xuízo, "carecen de rigor xurídico e técnico".

Engade que na data na que se terminou a liña xa entrara en vigor o regulamento 'MCS' sobre o procedemento de xestión de risco, pero "a súa aplicación estaba suxeita a diversas restricións".

A este respecto, alega que o proxecto estaba "en avanzado estado de desenvolvemento", pois o inicio da súa planificación tivo lugar en novembro de 2001 e concluíu en 2009.

Con todo, recoñece que a súa aplicación era obrigatoria a partir de xullo de 2010 se houbo cambios significativos e, "aínda aceptando que se produciu un cambio significativo no proxecto inicial", argumenta que "ningunha ETI esixía a aplicación do regulamento MCS e do seu proceso de avaliación de riscos na data na que a liña entrou en servizo".

Neste sentido, defende que a avaliación de riscos da liña levou a cabo "aplicando os procedementos de avaliación e comprobación previstos nas ETI correspondentes a cada un dos subsistemas estruturais e funcionais".

A maiores, de feito, apela a un período xeral "de vacatio legis de tres anos" para a aplicación do regulamento 'MCS', "consciente o lexislador comunitario das dificultades que entrañaba a adaptación dos moi heteroxéneos sistemas de seguridade". "No ano 2013, moitos estados non empezaran a aplicar o regulamento", subliña.

Por outra banda, resalta que "é falso que, como afirma o auto recorrido, a UTE --unión temporal de empresas-- ou Ineco detectasen un risco de descarrilo por exceso de velocidade na curva de Angrois". "O único risco que o 'hazard log' pon de manifesto é o incumprimento do cadro de velocidades máximas con carácter xeral", confronta.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta