Perigo para o Burela

O equipo mariñao perde 1-2 con Gran Canaria e cae de novo a postos de descenso trala vitoria do Levante. O martes, de novo en Vista Alegre, cita decisiva con Catgas Energía. Santiago Futsal empata 3-3 na súa visita a Santa Coloma e suma un punto máis cara a certificar a súa permanencia.

Por gcdeportes | Burela / Compostela | 25/03/2017 | Actualizada ás 09:34

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela 1:
Edu, Iago Míguez, Isi, Renato, José Carlos –cinco inicial- Jorge Bellvert, Cuco, Iago Rodríguez, Antoñito e Hélder.
Gran Canaria 2: Gus, Anás, Juanillo, Juan Puertas, Julio –cinco inicial- Bingyoba, Pichi, Saúl, Pepe e Pablo Salado.
Goles: 0-1: Anás (minuto 16). 1-1: Cuco (36’). 1-2: Juanillo (38’).
Árbitros: Gómez García (Madrid) e Redondo Arenales (castelán). Expulsaron a Iago Rodríguez no minuto 30 por dobre cartón. Amarelas a Jorge Bellvert, Isi e José Carlos no Burela.
Incidencias: partido da 25ª xornada da LNFS disputado no pavillón Vista Alegre ante uns 1.100 espectadores.

Falta de acerto no remate e derrota inmerecida do Pescados Rubén Burela, 1-2 en Vista Alegre ante o Gran Canaria. Os laranxas foron decididos a polo partido, intensos e con actitude, pero non estiveron acertados cara ao gol. A derrota, unida a vitoria 2-1 do Levante ante o Xaén, devolve os burelaos a postos de descenso. O martes, de novo en Vista Alegre ante Catgas Energía (21.00 horas), primeira das cinco finais.

Iago Míguez, co balón na derrota ante Gran Cnaria en Vista Alegre.
Iago Míguez, co balón na derrota ante Gran Cnaria en Vista Alegre. | Fonte: @burelafs

Burela tivo ocasións dabondo para adiantarse, pero José Carlos, Cuco e Iago Míguez non puideron marcar, e foron os visitantes quen se adiantaron antes do descanso cun gol de Anás no minuto 16. A falta de 57 segundos para o tempo de lecer, Iago Rodríguez desaproveitou un dobre penalti, cando o seu remate atopou o corpo de Gus. Trala reanudación, Hélder tivo o empate no minuto 24, pero tamén Edu evitou o 0-2 no 28. En tan só un minuto, no ecuador da segunda parte, Iago Rodríguez foi expulsado. Renato co peito evitou de novo o 0-2 canario. Vista Alegre aínda confiaba nos seus e a falla de cinco minutos Cuco fixo o empate tras un córner lanzado por Iago Míguez. Pero pouco durou a ledicia laranxa, xa que un disparo de Pichi desviado por Juanillo foi o 1-2 canario no 38. Con Antoñito como porteiro xogador, os de Tomás de Dios foron de novo a polo empate, pero a falta de dous minutos, José Carlos rematou ao pau un dobre penalti.
A falta de cinco xornadas, Burela queda con 18 puntos, un menos que Levante (19). Este martes, na xornada entre semana, Burela-Catgas Energía e Peñíscola-Levante.

Ficha técnica:
Catgas Energía 3:
Prieto, Maxi Rescia, Pablo, Sepe e Dani Salgado -cinco inicial- Corvo, Sergio, Lucas, Javi Rodríguez, Eric Pérez e David Álvarez.
Santiago Futsal 3: Chema Mella, Álex Velasco, Pablo Tallón, Álex Diz e Armando -cinco inicial- Santi, Catela, Pablo Mel, Hugo Sánchez, Antonio Diz e Dani Montes.
Goles: 1-0: Sepe (minuto 5). 1-1: Armando (15’). 2-1: Sergio (26’). 2-2: Dani Montes (30’); 3-2: Dani Salgado (34’). 3-3: Pablo Mel (36’).
Árbitros: Díaz Rodríguez e García Hernández. Amarelas a Sergio no Catgas Energía e a Santi polo Santiago Futsal.
Incidencias: partido da 25ª xornada da LNFS celebrado no Pavelló Nou de Santa Coloma.

Tiveron os composteláns ata catro ocasións nos tres últimos minutos para marcar o gol da vitoria e traer tres puntos de volta para Galicia, pero o Santiago Futsal acadou á fin un punto importante en Santa Coloma (3-3), tras un partido moi serio e nunha cancha complicada, ante un rival que estará na loita polo título. Ata en tres ocasións conseguiron os de Santi Valladares empatar o partido tras adiantarse os cataláns. Sepe fixo o 1-0 no minuto 5, pero Armando empatou no 15 e puxo o 1-1 co que se chegou ao descanso. Sergio marcou o 2-1 para os locais no 26 e Dani Montes empatou no 30. De novo Dani Salgado, no 34’, puxo por diante a Santa Coloma, pero Pablo Mel fixo o 3-3 definitivo. Un punto que serve aos composteláns para, a falla de cinco xornadas, manterse na zona tranquila da táboa con 27 puntos, oito máis que o Burela, que marca hoxe en día o descenso. O martes, visita a Magna Gurpea, sétimo clasificado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta