Temas: PESCANOVA

Os sindicatos de Nueva Pescanova piden aos traballadores prepararse para “unha batalla longa”

Piden unidade aos traballadores e avisan de que retomarán mobilizacións se o 1 de abril non se chega a acordo e instarán a que se pronuncien os plenos de Redondela e O Porriño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2017 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Os sindicatos de Nueva Pescanova pediron este sábado aos traballadores manter a "unidade" e prepararse para "unha batalla longa", tras decidir o venres aprazar a folga indefinida e outras medidas de presión ao chegar a acordo coa empresa e cos mediadores da Inspección de Traballo para establecer un calendario de negociacións para pactar un novo convenio.

Asemblea de traballadores de Pescanova
Asemblea de traballadores de Pescanova | Fonte: Europa Press

Este sábado celebrouse desde as 10,00 horas unha asemblea informativa —convocada por todos os sindicatos, agás CC.OO., que terá unha mesa de negociación a parte— en Chapela (no municipio pontevedrés de Redondela) á que acudiron máis de 200 persoas, onde os representantes sindicais trasladaron aos traballadores o resultado das reunións con mediación de Inspección, onde tanto empregados como empresa acceden a retirar medidas de presión mentres se manteñan as negociacións.

Neste sentido, as partes volverán reunirse os próximos días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril, con presenza dos mediadores da Inspección de Traballo. Tres son as cuestións fundamentais nas reclamacións dos traballadores para a negociación do convenio: as condicións dos novos contratos, a flexibilidade de xornada e o aumento de salarios.

Con todo, os sindicatos CIG, UXT, CUT e USO advirten de que se chega o 1 de abril sen acordo retomaranse as mobilizacións. Nese caso, en lugar dunha folga indefinida recorreríase a xornadas de paro cada 15 días a partir de Semana Santa. Iso si, calquera decisión terá que ser ratificada en asemblea.

Pola súa banda, informouse de que Nueva Pescanova tamén aceptou retirar o seu 'ultimátum' de aplicar o convenio estatal do sector de elaborados, ameaza que pesaba no caso de que o venres non houbera un acordo para seguir negociando.

"CARREIRA DE FONDO"

Neste sentido, os representantes sindicais coincidiron en apelar á unidade dos traballadores, así como pedir "paciencia" para o que definen como unha "carreira de fondo".

"Vai ser unha batalla longa, non hai que porse nerviosos; se mantemos a unidade gañaremos a batalla", proclamou Xosé Fernández Piñeiro, da CIG.

Así, Fernández Piñeiro defende que "hai que combinar as mobilizacións dentro das factorías cun labor pedagóxico na rúa". Ademais, anunciou que van pedir que se pronuncien os plenos municipais de Redondela e O Porriño.

Nesta liña, Ricardo Castro, da CUT deixou claro: "Hoxe estamos mellor que onte". "Onte (polo venres) a empresa tivo que moverse (...) empezamos a gañar este convenio", afirmou.

Durante o transcurso desta asemblea varios traballadores tomaron a palabra para felicitar aos representantes sindicais e mostrarlles o seu apoio con frases como "Compañeiros, non hai que ter medo!". "Tedes o noso apoio ata o final", aseguraron.

Temas: PESCANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta