Jorquera (BNG): "O nacionalismo é a fonte vella da que sempre brota auga nova"

O exportavoz parlamentario recibiu un emotivo agasallo que lle entregou Ana Pontón: unha figura de Rosalía de Castro

A CORUÑA | 25/03/2017 | Actualizada ás 19:13 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O exportavoz parlamentario do BNG Francisco Jorquera foi o encargado de pronunciar o discurso de benvida da XVI Asemblea Nacional do BNG, no que asegurou, empregando unha metáfora que un día escoitou a un nacionalista vasco, que "o nacionalismo é a fonte vella da que sempre brota auga nova".

Jorquera na Asemblea Nacional
Jorquera na Asemblea Nacional | Fonte: Europa Press

"Somos unha fonte vella, pero sempre ten que brotar auga nova para servir ao noso país. Brotou auga nova hai 100 anos coas Irmandades da Fala, hai 35 anos coa fundación do Bloque e estou totalmente convencido de que hoxe brotará auga nova para abrir un novo tempo no noso país", subliñou.

Nesta mesma liña, asegurou que o nacionalismo galego "sempre soubo rexurdir e reinventarse": "O nacionalismo galego non é flor dun día, non é un experimento para sacar rédito dunha determinada conxuntura. Ten o aval de 100 anos de compromiso e lealdade co noso pobo. Ten proxecto de país", finalizou.

Francisco Jorquera tamén chanceou co feito de ser o encargado de pronunciar o discurso de benvida. "Imaxino que a razón é que son da Coruña", sinalou o político nacionalista, quen, aínda que naceu en Ferrol, trasladouse á cidade herculina cando era pequeno: "A cidade na que ningún é forasteiro, incluso os do Celta", volveu a chancear causando as risas dos asistentes.

"Benvidos á cidade que, en 1908, deu acubillo aos restos mortais de Curros Enríquez; á cidade que acolleu no seu seo, durante oito anos, a Rosalía de Castro; á cidade que fixo súa Manuel María. (...) Benvidos á cidade que foi berce do nacionalismo galego: das Irmandades da Fala, do BNG", remarcou o exportavoz parlamentario da organización frontista, xusto antes de finalizar o seu discurso gritando 'Adiante co BNG'.

FIGURA DE ROSALÍA, UN EMOTIVO AGASALLO

Tras pronunciar o discurso de benvida e despois de escoitar a intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Jorquera volveu a ser o protagonista do acto ao recibir un emotivo agasallo que lle foi entregado pola propia Ana Pontón: unha figura de Rosalía de Castro.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta