Ferrol, entre os grandes

O Star Center-Uni Ferrol acada a clasificación por primeira vez para os play-offs polo título a falla dunha xornada malia a derrota en Madrid 77-63 contra CREF Hola . O vindeiro sábado, na última xornada de Liga en Esteiro, buscará contra Gernika Biscaia a vantaxe de campo na primeira eliminatoria.

Por gcdeportes | Ferrol | 26/03/2017 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

Outro fito histórico neste curso para o Star Center-Uni Ferrol. Na terceira campaña consecutiva na máxima categoría, clasificadas para os play-offs polo título á falla dunha xornada de Liga regular. Unha tempada histórica, instalada na elite do básquet feminino: fase final da Copa en febreiro e eliminatorias polo título en abril. De novo un equipo galego entre os grandes.

Non lle fixo falta gañar en Madrid. Malia perder ante o C.R.E.F. Hola do compostelán Pepe Vázquez por 77-63 na penúltima xornada, as derrotas de Lacturale Araski e Cadí La Seu clasificaron de xeito automático o equipo ferrolán para as eliminatorias finais. As de Lino López son cuartas, suman 14 vitorias en 25 xornadas, e o vindeiro sábado (19.00h en horario unificado) recibirán en Esteiro o Gernika Biscaia coa intención de pechar a Liga cunha nova vitoria, manter a cuarta praza e lograr a vantaxe de campo para a primeira eliminatoria do play-off polo título.

As dúas primeiras da táboa, Perfumerías Avenida e Spar Citylift Girona, están xa en semifinais, e as catro seguintes clasificadas, xogarán unha eliminatoria previa: terceiro contra sexto e cuarto contra quinto. Terceiras son Gernika Biscaia, e por detrás de Star Center-Uni Ferrol están Lacturale Araski, Cadí La Seu e IDK Gipuzkoa, con 13 vitorias e 12 derrotas. Destes tres últimos equipos sairá na última xornada o rival no play-off das ferrolás.

Dende a tempada 2006-07, na que Extrugasa disputou os cuartos de final, un equipo galego non xogaba os play-offs polo título. Na 2007-08, Extrugasa e Celta enfrontáronse no play-off polo sétimo posto. O último en clasificarse para unhas semifinais foi o Yaya María Breogán na campaña 2003-04.

Tras quedar 11ª na 2014-15 e na 2015-16, o Uni Ferrol de Lino López (1-febreiro-1976) conseguiu este ano reter a boa parte das xogadoras da tempada pasada e mantén a súa filosofía: defensa intensa, transicións rápidas e tiro exterior con xogo aberto. En troques, no partido deste sábado en Madrid, o tiro exterior (5/31 en triplas) penalizou en exceso o Star Center. Tras un primeiro cuarto igualado (21-17), as madrileñas, coa galega Tamara Abalde nas súas filas, abriron oco no segundo cun parcial de 15-7 para chegar 36-24 ao descanso. A vantaxe local chegou a ser de vinte (57-37) no terceiro. As ferrolás buscaron a reacción no último asalto, xa con Lino López expulsado por dúas técnicas, e achegáronse cun parcial de 2-12 (de 64-46 a 66-58), pero C.R.E.F Hola, que se xogará a permanencia na última xornada, acabou gañando 77-63. Foi unha derrota doce para o Uni Ferrol coa clasificación por primeira vez para os play-offs, e coa reaparición da base Ana Suárez tras máis de dous meses lonxe das pistas.

Ficha técnica
CREF Hola 77:
Cris Pedrals (11), Bettencourt (4), Rachel Allison (13), Tamara Abalde (13), Imovbioh (16) –cinco inicial- Babkina (19), Brajkovic (4) e Neves (1).
Star Center-Uni Ferrol 63: Ani Calvo (12), Laquinta Jefferson (0), Shacobia Barbee (16), María Araújo (13), Bea Sánchez (12) –cinco inicial- Ana Suárez (4), Patri Cabrera (6) e Vilma Kesanen (0).
Parciais: 21-17, 15-7 (36-24), 21-18, 20-21 (77-63).
Árbitros: Mariano Palomo Cañas e Jesús Marcos Gómez. Expulsaron por dúas técnicas o técnico ferrolán Lino López e eliminaron por cinco faltas a Tamara Abalde nas locais.

As xogadoras do Uni Ferrol, celebrando unha vitoria esta campaña.
As xogadoras do Uni Ferrol, celebrando unha vitoria esta campaña. | Fonte: @UniFerrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta