O BNG aspira a saír "máis fortalecido" da súa Asemblea, na que afrontará unha "importante" renovación xeracional

Sanmartín define ao Bloque como un proxecto "sólido" e unido, capaz de ser "alternativa" ao PP

A CORUÑA | 26/03/2017 | Actualizada ás 14:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A responsable de Organización do BNG, Goretti Sanmartín, destacou que o BNG aspira a saír "moito máis fortalecido" da súa XVI Asemblea Nacional na que os seus órganos de dirección afrontarán unha "importante" renovación xeracional.

Asemblea Nacional do BNG con Ana Pontón
Asemblea Nacional do BNG con Ana Pontón | Fonte: Europa Press

En concreto, a fronte nacionalista elixirá este domingo a 50 dos 100 membros que formarán o seu novo Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre asembleas-- entre os que se atopan as 19 persoas que formarán a próxima executiva do BNG, que amplía en catro os seus integrantes.

Goretti Sanmartín compareceu na mañá deste domingo ante os medios de comunicación, aos que explicou que "máis de 2.000 persoas" pasaron xa polo Palexco coruñés --onde o BNG celebra o seu plenario-- para debater "nun ambiente de unidade e de cohesión".

A tamén número tres da única candidatura que compite nesta Asemblea Nacional, a encabezada pola actual portavoz nacional Ana Pontón, destacou que este conclave serve tamén para "relanzar" o proxecto nacionalista nun "tempo diferente" no que se volveu a converter "en referente do futuro".

"PROXECTO SÓLIDO"

"O que temos enriba da mesa é un proxecto tremendamente unido, sólido, cohesionado con toda unha serie de xente que nestes momentos está en disposición de axudar para continuar o camiño dunha ferramenta que é absolutamente imprescindible e necesaria para este país", subliñou.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou tamén que as teses do BNG definen á formación como un "movemento sociopolítico" que "ten que buscar a maneira de conseguir moitas máis alianzas con todo o que é a base social".

Neste sentido, considerou que o BNG ten que "traballar moito máis coa base social, veciñal, cultural, sindical" para lograr que todos aqueles colectivos que teñan como fin "a defensa do país" pasen a formar "toda unha alianza" por Galicia.

E é que segundo indicou a responsable de Organización "é xustamente o BNG quen pode liderar as políticas alternativas ao Partido Popular traballando man con man cos distintos colectivos sociais".

Na xornada deste domingo, ademais de elixir á nova dirección, a militancia do Bloque debate os documentos coas teses políticas, principios organizativos e regulamento, que serán sometidas á votación do plenario.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta