O Parlamento pacta unha declaración sobre o Holocausto

A pesar das diverxencias mantidas nos últimos anos, PPdeG, PSdeG e BNG chegaron este ano a un acordo para aprobar unha declaración institucional para lembrar a memoria das vítimas do Holocausto.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 01/02/2010 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Un acordo que chega logo da presentación, por parte da Asociación Galega de Amizade con Israel (Agai), dunha petición na Cámara, o pasado decembro, para lembrar ás vitimas do Holocausto. Unha lembranza que se conmemorou o pasado 27 de xaneiro.

E a diferencia do acontecido no 2008 e 2009, cando o BNG negouse a apoiar a proposta da Agai porque non se incluía unha mención expresa ao xenocidio palestino, nesta ocasión os tres partidos da Cámara decidiron pactar unha declaración conxunta.

"Decidimos rescatar a mesma declaración do 2007", apunta o voceiro do PPdeG Manuel Ruíz Rivas xa que o Bloque "non quixo aceptar o escrito presentado pola Agai". Con todo, e logo da aceptación dos tres voceiros parlamentarios, a proposta aprobouse na última semana por consentemento e será presentada na próxima Xunta de Portavoces.

Palestinos

"O que non podemos facer é que unha asociación condicione o traballo da Cámara", indica Carlos Aymerich quen lembra que "é necesario" recordar ás vítimas do nacismo, "pero tamén ás miles de vítimas palestinas". "Tamén en xaneiro cumpriuse un ano do xenocidio da guerra de Gaza e ninguén fixo unha declaración", asegura.

Por iso, na proposta do Parlamento galego condenanse "todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar".

Desde a Agai amosanse satisfeitos e insisten en que o máis importante é que a Cámara galega, igual que fixeron os parlamentos cataláns ou madrileños, condenen a barbarie naci e lembren  as vítimas do Holocausto.

*************************


DECLARACION INSTITUCIONAL SOBRE O DIA DE CONMEMORACION ANUAL EN MEMORIA DAS VITIMAS DO HOLOCAUSTO


O 1 de Novembro de 2005,  a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirman que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e inmumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de Xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das víctimas do Holocausto, todas elas víctimas do nazismo entre as que se contan tamén galegos e galegas.


A Asemblea Xeral rexeitou, e este Parlamento faino seu, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.


O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie ultraxantes para a conciencia humana.


O Parlamento de Galicia, en fin, de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de Novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama ao Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e aos cidadáns e ás súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentarse entre nós, e en ningún lugar do mundo.

********************

ESCRITO PRESENTADO POLA AGAI en base a un texto de Jaime Vándoro Koppel, profesor, ensaísta e poeta.

Holocausto: o labor da memoria

En todos os países da Unión Europea conmemórase por lei o Día Oficial da Memoria do Holocausto e de Prevención dos Crimes contra a Humanidade (compromiso asumido pola UE, mediante declaración de Romano Prodi, en Estrasburgo, 26-01-2004). O día fixado é o 27 de xaneiro, aniversario da liberación de Auschwitz pola tropas soviéticas, en 1945. Con todo, son tantos os actos programados por todas partes, até nunha mesma cidade, conferencias, exposicións, ciclos de cine, seminarios, etc., que o que ía ser unha xornada conmemorativa estase a converter nun mes de actos, para evitar a coincidencia do organizado por institucións oficiais, asociacións, comunidades relixiosas e colectivos diversos. Se a isto se lle engaden as emisións por radio e televisión, discursos, entrevistas e documentais, fai falta que o asinante, sobrevivente desta singular barbarie histórica, contribúa á profusión do tema nos medios? Non se corre o risco de que a reiteración vaia en detrimento do interese público, e o seu efecto sexa contraproducente, levando ás xentes ao fastío, ao desinterese por saturación?

A miña resposta é que aínda que a saturación é posible, iso non nos exime da obriga de recordar e, con iso a prever, pois todo o que unha vez ocorreu na Historia, tarde ou cedo pode volver suceder. Por outra banda os anos pasan, chegan xeracións novas que nada saben, adolescentes e universitarios para os que o nazismo é cousa dun pasado opaco: a súa vida presente, a dos mozos, é tan absorbente que o ocorrido hai máis de sesenta anos para eles pode non ser máis ca unha curiosidade histórica, en todo caso o guión dunha película pouco crible. A miña convición é que todo o que se faga por manter viva a memoria é bo. Iso lévanos á pregunta clásica: os pobos aprenden algo da Historia, as experiencias sufridas por unha xeración poden servir de lección para as xeracións posteriores?

Non creo que exista resposta a tal pregunta, nada que sexa xeneralizable e se poida demostrar con datos. Pero o que si está claro, en todo caso, é a nosa obriga de intentalo, intentalo incansablemente, falar unha e outra vez de canto ocorreu. Debemos de ver o ben e o mal como constantes da Historia, pois son, desde sempre e para sempre, inherentes á natureza humana. Guerras sempre haberá, e persecucións, e crueldade, pero imos calar por iso, deixar que as cousas sigan o seu curso, sen opornos con todas as nosas forzas, sen empeñar toda a nosa enerxía vital en apontoar o ben, e alertar contra o habitual risco das conciencias molmente adormentadas, mentres os esbirros non chaman á nosa propia porta? Por agora as ciencias carecen de medios para combater o mal, cando este procede do home mesmo. Pero o coñecemento probablemente sexa unha axuda. É certo que isto é difícil de probar: por iso penso que crer na utilidade da Memoria Histórica é un acto de fe. Recordar non é só unha misión para prever males do futuro. Tamén é unha obriga para con aqueles que sufriron e pasaron por aldraxes e tormentos que nin podemos concibir -afortunadamente, hai que engadir, pois se puidésemos, xa non nos sería posible volver conciliar o sono-. Lembrar é a expresión do que a miña nai, en paz descanse, chamaba no meu alemán materno Pietätsgefühl, un sentimento de piedade respectuosa que debemos aos mortos.

O home propende máis á paixón que á reflexión e os pobos teñen a memoria curta. No mundo segue habendo violencia, represión, explotación, tortura e inxustiza, aínda que, exceptuando Iugoslavia, para Europa a segunda metade do pasado século foi mellor que a primeira. Pero desconfiemos da seguridade: o mal é unha opción aberta e nunca se adormenta definitivamente. Todo pode repetirse. Manteñamos a conciencia alerta.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Xurxo

Os meus parabéns pola boanova.

3 Maribel F

O nome do autor do texto que presentou AGAI é Jaime Vándor. Sobrevivinte do holocausto no ghetto de Budapest. Tamén é escritor, profesor, poeta, pero o texto escribiuno na súa condición de sobrevivinte do Holocausto.

2 "churros con merinas"

Jose, ti non deberías misturar café con LSD que despois che saen as comparanzas como un churro. A día de hoxe, un grupo de personas loiras e de ollos azuis masacran aos fillos de Sem ... Quenes son uns e os outros? Os arios son os xudeus askenazis, os semitas os palestinos. Non ao holocausto palestino !!

1 jose

muy bien. Ya iba siendo hora que el parlamento gallego se pronunciara sobre esto. Y a ver si dejamos de mezclar churros con merinas. Una cosa es el holocauslto y otra muy diferente el conflicto entre palestinos e israelís que no puede ser equiparado ni de lejos