Dous bronces galegos en Canarias

A pontevedresa Carmen Gómez, no seu debú en distancia olímpica con 19 anos, e Uxío Abuín acadan o terceiro posto na Copa de Europa de tríatlon de Gran Canaria. Antonio Serrat tivo que abandonar por unha caída na bicicleta e a ferrolá Camila Alonso foi quinta.

Por gcdeportes | Compostela | 27/03/2017 | Actualizada ás 00:45

Comparte esta noticia

Magníficos resultados para o tríatlon galegos na Copa de Europa de Gran Canaria. Carmen Gómez Cortés (Tríatlon Ferrol) e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) lograron subirse ao último chanzo do podio, mentres que a ferrolá Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi quinta. O susto chegou con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que caeu no último quilómetro da bici e acabou no hospital con golpes e queimaduras, pero xa con gañas de volver competir.

Uxío Abuín e Carmen Gómez celebran no podio o terceiro posto.
Uxío Abuín e Carmen Gómez celebran no podio o terceiro posto. | Fonte: @TRIATLONSP

Na proba feminina, Carmen Gómez Cortés deu a alegría máis inesperada xa que era o seu debut na distancia olímpica con 19 anos. A pontevedresa, irmá da nadadora Bea Gómez Cortés, estivo excepcional durante toda a proba. Saíu moi ben colocada da auga, entre as dez primeiras e a escasos segundos da cabeza; na bicicleta, meteuse nun primeiro grupo, formado por sete triatletas, mentres as líderes, as británicas Lucy Hall e Jessica Learmonth, marchaban en solitario; pero as perseguidoras traballaron duro e lograron acurtar distancias e incluso alcanzar a Lucy Hall, que foi perdendo forza. Así, Learmonth chega soa á T2, con 37 segundos de vantaxe sobre a primeira triatleta do grupo perseguidor, que chegou moi estirado. O terceiro segmento foi decisivo para Carmen Gómez, que estivo a un nivel altísimo, sobre todo nos primeiros 5 quilómetros. A galega foi subindo postos ata alcanzar a medalla de bronce cun tempo de 2h:04:15, a 2:46 da vencedora Jessica Learmonth (2h:01:29). O segundo posto foi para Lucy Hall (2h:03:25) e Camila Alonso, que fixo unha magnífica carreira a pé e remontou moitas posicións, ocupou a quinta posición (2h:04:28), a tan só 13 segundos do podio.

Na proba masculina, outro podio galego, con Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) coma protagonista. E iso que as cousas non comezaron ben para o de Dodro, que non se atopou cómodo na natación e saíu da auga moi retrasado. En troques, boa actuación de Antonio Serrat e Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), entre os mellores tralo primeiro segmento. Andrés Cendán saíu sobre o vixésimo posto.

Quedaban por diante 40 quilómetros de bicicleta para recuperar o tempo perdido, no caso de Uxío e Cendán, e pegarse aos de diante, no de Antonio e Alberto. E todo foi bastante ben, ao formarse un nutrido grupo cabeceiro de case 40 unidades a falta de dúas voltas para a T2. Pero na última volta de ciclismo, pésimas noticias para Serrat, que non puido evitar un enganchón e rematou co seu corpo no asfalto. Bicicleta esnaquizada e moitos golpes e queimaduras, polo que o vigués foi evacuado ao hospital para confirmar que non había nada roto. Así rematou a carreira para Serrat, mentres que Uxío chegaba vivo e con opcións ao terceiro segmento, no que foi recuperando posicións ata alcanzar un posto no podio.

A vitoria foi para Rostislav Pevtsov (Azerbaián) cun tempo de 1h:50:42; a segunda posición foi para Adrien Briffod (1h:50:59) e Uxío Abuín ocupou a terceira praza do podio cun tempo de 1h:51:39. Ademais, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) entrou no top-20 (19º), Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) foi 21º e Martín Carrera (Natación Riveira) rematou na 51ª posición.

Carmen Gómez e Uxío Abuín, no podio co resto de medallistas.
Carmen Gómez e Uxío Abuín, no podio co resto de medallistas. | Fonte: @FEGATRIPM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta