Cales son os principais cambios da nova lei que favorece os concertos privados na educación?

Desde o ano 2001, as subvencións ao ensino privado creceron un 69%, ata alcanzar en 2017 os 273 millóns de euros. A Xunta asegura que o novo decreto trata de adaptarse á Lomce e os sindicatos insisten en que se trata de potenciar, aínda máis, a privatización da educación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación acaba de modificar as normas dos concertos educativos cos centros privados.  Ata agora estes concertos tiñan unha duración de catro anos, mentres que desde o curso 2017-2018 será de seis, é dicir, ata o 2022-23. Esta é a principal novidade da nova lei, pero hai outros cambios importantes que xa teñen provocado a reacción dos sindicatos que denuncian que a Xunta quere seguir favorecendo con este sistema á educación privada.

En Galicia hai 230 centros privados nesta modalidade, con case catro mil aulas e 86.000 alumnos. As sete cidades galegas, que representan o 36,14% da poboación, contan co 59,74% dos centros privados concertados. A educación obrigatoria en España vai entre os seis e os dezaseis anos de idade; é dicir, comprende os treitos de Ensino Primario e Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e as sete cidades contan co 60,41% dos centros concertados en Primaria e o 56,98% de ESO. Tramos como Infantil (de tres a seis anos), concentran nas cidades o 58,16% dos concertos.

Pero, como apunta o xornalista especializado en temas de educación, Horacio Vixande, a discriminación máis grave ten lugar no Bacharelato e nos Ciclos formativos. Trátase de tramos de ensino para maiores de 16 anos que non son obrigatorios e que, en consecuencia, non deberían contar con concertos educativos cos centros privados porque non hai ningún dereito que garantir. "Se non tes obriga de estar escolarizado tampouco podes esixirlle ao Estado que te dea opcións e elixir, e moito menos entre centros privados concertados", apuntaba neste artigo publicado no GC.

Pois ben, o 73,33% dos centros concertados que ofrecen Bacharelato están nas sete cidades, que tamén concentran o 67,56% dos Ciclos formativos impartidos por centros privados concertados. Por iso, que vai supoñer este novo decreto para a educación dos mozos galegos?.

Os cambios do novo decreto

As principal diferenza coa anterior orde radican na duración, que amplía a vixencia "mínima" dos concertos en Primaria de catro a seis anos, para estender esta prolongación a todos os niveis do ensino concertado, é dicir, infantil, ESO, Educación Especial e Formación Profesional.

Tamén cambia a contía do financiamento a conta das arcas públicas dos centros privados concertados. E é que a Xunta mantivo o financiamento a estes centros que xa había co bipartito, pero renovou a orde anterior en 2013, actuando contrariamente á lei vixente no momento da concesión.

Un feito que provocou varias sentencias xudiciais en contra. A máis contundente a de 2014 do Tribunal Supremo, que ratificou outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ordenou á Xunta a retirada das subvencións a cinco colexios que segregan por sexo. Non obstante, a actual LOMCE devolveulles o encaixe legal pouco despois.

Por iso, tamén no novo decreto, outro dos puntos importantes que desaparece, é o da igualdade de xénero como criterio para a subvención e que se desenvolva o principio de coeducación en todas as etapas educativas.

Máis cartos para os concertados

Nas contas da Xunta para o 2017 xa lle deu prioridade ás subvencións ao ensino privado, que crecen este ano un 6% en total e nas axudas a centros concertados en máis de 3 millóns de euros.

De feito, e comparación cos presupostos da Xunta do ano 2001, as subvencións ao ensino privado creceron un 69% ata alcanzar en 2017 os 273 millóns de euros.

A Xunta insise en que este cambio obedece segundo a Xunta á Lomce, co obxectivo de que o concerto teña a mesma duración en todos os ensinos. Ademais, e sobre as subvencións a centros concertados, suliña que, cada ano, se revisa que se cumpran os requisitos establecidos nas respectivas ordes institucionais. A Consellería de Educación lembra que os colexios teñen un mes, ata o próximo 24 de abril, para solicitar as axudas, e deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos.

Oposición

Sen embargo, non son da mesma opinión os sindicatos. O secretario xeral de CIG Educación, Anxo Louzao, lembraba hai uns días que as contas de Educación eran un novo paso na dirección de "afondar na desigualdade social" e de favorecer o ensino privado por riba do público.

Pero máis contundente se ten amosado o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) que insiste en que a Escola, como institución pública, debe ser laica na mesma medida que o Estado e o conxunto das súas institucións. E, tamén, que a igualdade de dereitos e de trato de todas as meniñas e meniños esixe "a non discriminación ou segregación no ámbito escolar por razóns de ideoloxías ou crenzas (o que sucede á hora das clases de relixión)".

Nun comunicado, o STEG entende que a laicidade do Estado e as súas institucións "non é un extra que se lle poida engadir ou non, senón que forma parte fundamental do concepto mesmo de democracia, do espazo político común de dereitos e deberes dirixido a preservar a liberdade e igualdade da cidadanía, razón de ser de todo Estado Democrático e de Dereito".

Ademais, sostén que a Lomce é unha lei "profudamente retrógrada e antidemocrática" e a nova normativa da Xunta "é ofensiva e irrespectuosa para cos valores democráticos", pois promove, di, "a perpetuación subvencionada dos centros concertados e privados en xeral,  así como a dos de carácter relixioso e segregacionista en particular, abrindo a porta a distintas categorías de alumnado e de cidadás".

Peche de profesores no IES Auga da Laxe de Gondomar polos recortes na educación
Peche de profesores no IES Auga da Laxe de Gondomar polos recortes na educación

Peche no IES Escolas Proval de Nigrán contra os recortes na educación
Peche no IES Escolas Proval de Nigrán contra os recortes na educación
Colexio privado feminino
Colexio privado feminino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Hipólito

Normal. Todo o que pode leva os fillos a un colexio concertado, a non ser os docentes do ensino público, que como gañan máis que ninguén, pódenos levar a colexios privados elitistas

1 Gamela

Vigo Segrega! e logo preguntamos de ónde vén a violencia de xénero? Hoxe, día da Reconquista en Vigo, distinguimos a quen segrega aos nenos das nenas e defende os roles de xénero nas súas instituciones educativas do Opus Dei! Velaí a Gran Política de Abel Caballero & Carmela Silva (BNG e Marea van de comparsas nesta procesión!) http://www.lavozdegalicia.es/notici... Eles son os que viven das Institucións do Estado e nós pagamos as súas facturas !!!

1 Gamela

Claro que existen outros Vigueses Distinguidos que nunca sairán na FOTO ! https://flic.kr/p/S6D5gK