A valedora constata avances en administracións e sector privado para "respectar" os dereitos lingüísticos

A institución denuncia "mostras constantes de falta de sensibilidade de moitos concellos para preservar o seu patrimonio cultural"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2017 | Actualizada ás 19:59 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O informe do Valedor do Pobo de 2016, presentado este luns pola titular da institución, Milagros Otero, constata "un esforzo" no sector privado por "respectar" o dereito dos cidadáns a empregar "en todos os ámbitos da súa actividade a lingua oficial da súa elección", procurando ofrecer os seus produtos e servizos en galego e adaptando os seus procedementos de xestión e a súa actividade comercial.

Do mesmo xeito, constata que as administracións públicas trataron de "corrixir as disfuncións detectadas" no respecto dos dereitos lingüísticos dos cidadáns.

"Percibimos unha conciencia cada vez maior de que existen dereitos lingüísticos individuais e colectivos e que, con pleno respecto da liberdade de todos os falantes, nunha comunidade na que o galego é lingua cooficial, debe garantirse o dereito de toda persoa a vivir na lingua propia de Galicia", recolle o informe.

FALTA DE "SENSIBILIDADE" CARA AO PATRIMONIO CULTURAL

No apartado de cultura, ademais, o Valedor do Pobo ve "mostras constantes da falta de sensibilidade de moitos concellos para preservar o seu patrimonio cultural, ligada en moitos casos a intereses urbanísticos".

"Xa o ano pasado insistimos en que se comproba aínda unha clara desidia para protexer o patrimonio cultural no ámbito municipal, que tolera construcións inacabadas, fóra de ordenación, apartadas da tipoloxía construtiva propia da contorna ou con elementos contrarios a un mínimo sentido estético nas proximidades de bens de interese cultural ou de bens catalogados", remarcou.

Engade que a Administración autonómica mostrou "lentitude ou pasividade --xustificada pola falta de medios materiais e humanos-- para impedir a destrución da memoria e da historia de moitos lugares".

"Non parece esaxerado dicir que o patrimonio cultural de Galicia non é concibido neste momento, salvo excepcións contadas, como un instrumento de cohesión social e de desenvolvemento sustentable", remata.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta