Un estudo europeo destaca o liderado de Galicia en enerxías renovables

Investigadores salientan o papel do noso país xunto coas rexións de Nordland (Noruega) e Schleswig-Holstein (Alemaña). Con todo, advirten de que a estratexia política epañola non favorece a expansión destas enerxías en Galicia mediante a innovación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia lidera en España o desenvolvemento das enerxías renovables. Así o destaca o estudo 'The role of regions in promoting sustainable energy with smart specialisation strategies', asinado polos científicos Markus Steen e Eli Fyhn Ullern, do SINTEF Technology and Society de Noruega, e Fabian Faller, da Universidade de Kiel, en Alemaña. Os investigadores elixiron o galego como caso paradigmático en Europa na promoción da enerxía sostible, canda as rexións de Nordland (Noruega) e Schleswig-Holstein (Alemaña).

Parque eólico situado na costa galega
Parque eólico situado na costa galega | Fonte: vozpopuli.xom

O seu estudo baséase nunha análise cualitativa e detallada do contido dos documentos da Estratexia de Investigación e Innovación para una Especialización Intelixente, o RIS3 (Research and Innovation Strategy for Smart Specialisation), para estas tres zonas de Europa. 

"As rexións para o estudo de caso foron elixidas porque lideran as zonas de despregamento de enerxías renovales nos seus contextos nacionais e xa tiñan en vigor políticas relacionadas coa enerxía en materia de innovación antes da RIS3 [aprobada en decembro de 2013] e porque destacan fortemente as enerxías renovables nas súas RIS3", argúen os investigadores.

Para cada un destes casos analízaron a implementación do enfoque baseado no lugar (diagnóstico, gobernabilidade, visión, obxectivos, instrumentos, avaliación) e o papel das capacidades rexionais (competencias, potenciais) durante o proceso de emprendemento empresarial. Tamén abordaron a a influencia que teñen as políticas suprarrexionais nas estratexias destas tres zonas relacionadas coa enerxía RIS3 e usaron en fontes de datos secundarias en forma de documentos de políticas, informes, sitios web e medios de comunicación relacionados coas enerxías renovables. 

A investigación suxire que tanto en Galicia como Schleswig-Holstein, como rexións líderes, a estratexia RIS3 pode fortalecer aínda máis a súa posición tecnolóxica no campo das novas enerxias. Porén, "a preocupación", din, "é que estas estratexias de innovación e desenvolvemento deben ser acompañadas por instrumentos de política enerxética que estimulen a demanda e a formación do mercado".

A isto engaden que "o destino das prioridades relacionadas coa enerxía de Galicia e Nordland dependerá en gran medida das estratexias politicas nacionais en enerxía, que actualmente non son moi favorables para expandir o despregamento de enerxías renovables", expoñen os autores do estudo. 

SUPRESIÓN DE INCENTIVOS

Na transición a unha economía con baixas emisións de carbono e de "crecemento verde", malia que "España foi pioneira na introdución de esquemas de apoio para estimular os investimentos" nas enerxías renovables, a crise económica tivo efectos negativos nesa "transición enerxética", que vén sufrindo "cada vez máis estrés", apuntan os investigadores. Así, lembran que "en febreiro de 2013, todos os incentivos para o despregamento de enerxías renovables foron suprimidos, o que provocou un colapso no mercado interno".

Malia que "o 16,2% da demanda enerxética de España (e o 44% da demanda interna de electricidade) foi fornecida por enerxías renovables a finais de 2014, non se sabe se España alcanzará o seu obxectivo do 20%", advirten os expertos.

GALICIA, FOGAR DE PIONEIROS

Neste contexto, sitúan a Galicia como "a principal rexión española na produción de enerxía hidroeléctrica e segunda tras Castela e León na produción eólica instalada" en 2013. Ese ano, o noso país produciu "o 103% da demanda total rexional de electricidade renovable, o que implica que é un exportador neto de enerxía renovable", salientan os autores do estudo.

Tamén subliñan que Galicia "é fogar de moitos pioneiros na industria da enerxía eólica en España, facendo da rexión un innovador forte e (historicamente) un sitio de despregamento de enerxías renovables".

OPORTUNIDADES

O desenvolvemento da estratexia RIS3 de Galicia foi liderado e administrado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), fundada a principios de 2012 para funcionar como "elemento fundamental para establecer un marco de gobernanza aberto e plural" para o sistema autonómico de innovación, lembran os científicos.

Esta estratexia, apuntan os investigadores, ten tres desafíos principais: 1) un novo modelo de xestión innovadora dos recursos naturais e culturais baseado na innovación; 2) un novo modelo industrial baseado na competitividade e o coñecemento; 3) un novo modelo de estilo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación. As cuestións relacionadas coa enerxía son elementos fundamentais dos desafíos 1 e 2.

"Con respecto ao desafío 1, Galicia pretende desenvolver a xeración de enerxía a partir de recursos renovables, en particular a biomasa dos subsectores de agricultura e gandería. Unha segunda priorización é a enerxía renovable mariña (enerxía da onda, enerxía eólica offshore, algas para os biocombustibles). Estes considéranse oportunidades para o despregamento da enerxía renovable, así como para o desenvolvemento tecnolóxico e industrial", describen os autores da investigación, que engaden: "En canto a estes últimos, un argumento chave é que a infraestrutura industrial de Galicia vinculada ás tecnoloxías navais podería atopar un camiño cara á diversificación neste campo dirixido a un novo nicho no mercado. Isto superponse co desafío 2, no que o sector da construción naval da rexión (o máis grande de España) pode diversificarse potencialmente cara as enerxías renovables mariñas e os buques, plataformas e compoñentes de subministración", conclúen os expertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Ler cousas coma esta da un pouco de vergoña. O que ten de xornalismo teñoo eu de miss españa. Supoño que non pasarían polas Pontes e Meirama. Nen irían dar unha volta polo Xallas ou polo patrimonio "agochado" no fondo dos encoros.