É necesaria converxencia XXI?

Galicia precisa ter unha ferramenta de futuro propia, unha organización que deseñe un proxecto de País no que o progreso, a autoestima e a modernidade sexan compatibles cun exercicio de dignidade, orgullo, galeguidade e liberdades individuais e colectivas. Sin embargo cando aparece un novo partido político despois de máis de trinta anos de democracia parece natural preguntarse cal é a necesidade á que responde.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 03/02/2010

Comparte esta noticia

Pois ben, a nosa motivación proven da necesidade insatisfeita que vemos en Galicia dunha formación política propia e integradora que translade unha mensaxe positiva, de autoestima, constructiva e de centralidade; unha forza política capaz de construir un discurso atractivo para a maioria da nosa cidadania, un discurso que sendo compatible coas percepcións políticas da maioria, traslade un proxecto ambicioso de país, que acabe con complexos e sumisións a intereses alleos tan presentes noutras forzas galegas. Estamos convencidos de que isto é unha necesidade do país.

O actual sistema institucional galego de partidos representa un problema para o noso desenvolvemento democrático, político, social e económico actual e futuro, encontramonos con dous bloques ou compartimentos con capacidade para formar maioria, por un lado o bloque monopartito de dereita conservadora, intervencionista e centralista representado polo PP e por outro lado, o bloque bipartito das esquerdas socialistas e comunistas formado por PSOE e BNG. Comezando por este último visualizamos nos anos da Xunta bipartita e continuamos a ver en moitos concellos a distancia ideolóxica e cultural que separa a estas duas opcións o que dificulta enormemente, e de forma obxectiva, o seu entendimento e a formación de coalicións estables e cooperativas ademáis de meramente competitivas como é e foi o caso dos bipartitos PSOE –BNG.

O PSOE ao non ser unha organización exclusivamente galega e non ser capaz de xerar unha opción propia medianamente consistente como seria o caso do PSC en Cataluña, sempre subordina e subordinará o interese galego ao doutros grupos territoriais ou de presión con máis capacidade ou máis autoestima, este feito constatable desde o ano 1982 no que o PSOE accedeu ao poder estatal revelan que o Partido Socialista non é, por motivos estruturais e non conxunturais, nen poderá chegar a ser un instrumento eficaz na defensa dos nosos intereses colectivos e liberdades individuais, xa non só como país, senon tan sequera como territorio con intereses diferenciados.

O BNG é, a día de hoxe, a única forza propia de Galicia con representación no Parlamento autonómico e nos concellos das sete principais cidades, a historia recente do noso país fixo que o nacionalismo galego politicamente actuante se nuclease a partir dos anos oitenta arredor da UPG, un partido autodefinido como marxista-leninista e doutros grupos de estrema esquerda, foi este grupo quen o conseguiu e ese mérito hai que llo recoñecer pero esta realidade histórica conseguiu tamén colocar ao nacionalismo político excesivamente lonxe das percepcións ou obxectivos políticos dunha inmensa maioría da nosa sociedade, esa identificación da defensa política do país con posturas estremistas de esquerdas fixolle e estalle a facer mal ao proxecto de país que Galicia precisa. Desde posturas tan esquerdistas, sectarias, defensivas e negativas demostrouse imposible achegar o galeguismo político a amplisimos sectores sociais que simplemente non son de esquerdas, nin altermundistas, etc. Tampouco é agora viable mudar ese posicionamento na esquerda socialista e comunista do BNG para atraer a novos sectores como Quintana tentou a base de políticas clientelares e bailes coa terceira idade, o único que esta táctica conseguiu foi disgustar a unha parte significativa dos seus apoios tradicionais sin lograr atraer, alén dalgúns votos clientelares no rural, novos caladoiros electorais.

O outro compartimento estanco do sistema de partidos galego é o do conservadorismo concentrado en torno a unha única organización, o Partido Popular, este partido está situado tanto no eixo identitario, que marca o seu crecente alonxamento da nosa identidade, como no eixo esquerda dereita, cada vez máis lonxe do centro, é posible que isto sexa a consecuencia da evolución dunha parte da sociedade galega pero tamén é certo que un partido tan conservador e xenealoxicamente autoritario sexa tan forte, representa unha anomalia que poderíamos considerar preocupante en calquera democracia occidental avanzada que é o que nós debemos aspirar a ser.

A existencia destes dous compartimentos estancos tan alonxados entre si introduce unha tremenda inestabilidade na gobernación do país, cando se produce unha alternancia no poder, como acaba de acontecer o ano pasado, ou como aconteceu no 2005 un dos dous compartimentos cuestiona unha parte fundamental das políticas públicas e do traballo lexistativo do anterior, vemos agora ao PP de Feijóo cuestionar a política sanitaria, a enerxética, a de I+D+I, a educativa, a lingüística, a de infraestruturas e un longo etcétera. A carencia de consensos básicos e de sentido e responsabilidade de País arredor de asuntos cruciais e esenciais para o noso desenvolvemento condenannos a un continuo facer e desfacer, a unha continua inestabilidade e a un continuo fracaso como tamén exemplificou outro tren que se perdeu, o do novo estatuto, as políticas públicas requiren para ser efectivas dun tempo e dunha estabilidade, pero claro, e aquí está o problema, que van consensuar unha das dereitas mais rancias, fondamente  nacionalista de estado e conservadoras como a do PP cunha das esquerdas máis anacrónicas e trasnoitadas de Europa occidental como é o BNG?, que vai consensuar un partido cada vez mais orgulloso da sua desgaleguización como o PP cun partido cun discurso caduco na cuestión identitaria, pero galeguista ao fin e ao cabo, como o BNG?. Ademáis temos un PSOE máis capacitado para a consecución de consensos pero que non ten proxecto para este País e que ao estar inmerso na “Dinámica de Compartimentos Estancos” non pode facer nada para mellorar ou fluidificar este problema, se o PSOE rompese esa Dinámica seria para crear outra ainda máis dañina, un Bloque Nacionalista Español entre PP e PSOE ao estilo do País Basco.

Esta dinámica tan dañina de compartimentos alonxados só pode ser rota para beneficio de Galicia por un partido que ocupe un espazo central, un espazo de consenso, un espazo construtivo que é o que demanda a maioría da sociedade galega pero que non ten a día de hoxe a sua plasmación na política partidaria institucional. Converxencia XXI lubrificará os comportamentos estremistas de PP e BNG ao poder pactar en ambas direccións obrigando aos extremos do sistema a buscar un consenso en beneficio do país se é que queren gobernar, Converxencia XXI nunca sería refén de ningún outro partido porque sempre tería unha alternativa de pacto. Imaxinemos por exemplo unha Cataluña na que os posibles gobernos fosen un PP con maioria absoluta ou un pacto PSC-ERC, todos coincidiriamos en que estarían perante un problema grave pero Cataluña ten un gran partido central como é CiU mentres que ERC e o PP , afortunadamente para eles, son partidos marxinais dos extremos do sistema e que non poden condicionar demasiado o que acontece no país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA