AM.- Feijóo responderá sobre corrupción, recursos e o despoboamento do rural no próximo pleno do Parlamento

O conselleiro de Facenda pechará a rolda de comparecencias iniciadas polos membros do Executivo de Feijóo

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2017 | Actualizada ás 15:21 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, responderá a preguntas da oposición sobre corrupción no financiamento de partidos políticos, o uso dos recursos dispoñibles para atallar os problemas de Galicia ou o despoboamento do medio rural no próximo pleno que o Parlamento de Galicia acollerá os próximos días 4 e 5 de abril.

Reunión da Xunta de Portavoces
Reunión da Xunta de Portavoces | Fonte: Europa Press

Os portavoces parlamentarios avanzaron estas cuestións na súa comparecencia ante os medios tras finalizar a Xunta de Portavoces, na que aprobaron a orde do día da sesión da próxima semana, na que, ademais, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, pechará a rolda de comparecencias que os membros do Goberno de Feijóo iniciaron co arranque da nova lexislatura.

Deste xeito, segundo avanzou o viceportavoz parlamentario de En Marea Antón Sánchez, no próximo pleno Luís Villares preguntará a Feijóo sobre as súas declaracións nas que, como indicou, asegurou que "todos os partidos utilizan zonas grises para o seu financiamento". "Parécenos moi grave que tente menosprezar a corrupción no seu partido, un presidente da Xunta non pode minusvalorar un problema tan importante como é a corrupción", sinalou.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernandez Leicega, explicou que, na sesión de control, cuestionará ao máximo mandatario autonómico sobre "o uso por parte do goberno de todos os recursos dispoñibles para atallar os graves problemas de Galicia". Neste sentido, apuntou á "xestión adecuada das situacións de desigualdade, pobreza ou atención á dependencia".

Ademais, a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, destacou que a súa formación centrará a súa pregunta ao presidente na situación de "despoboamento e perda de oportunidades do rural". "Queremos saber se o Goberno galego ten un plan serio para reverter a situación do rural ou se só pretende que nos creamos a súa propaganda", manifestou para referirse ao paquete de medidas aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada que, na súa opinión, contén as "mesmas iniciativas" anunciadas en anos anteriores pero "cun lazo distinto".

INICIATIVAS DO PPDEG

Na súa comparecencia, o viceportavoz parlamentario dos populares galegos, Miguel Tellado, destacou que a súa formación pedirá, a través dunha proposición non de lei (pnl), instar á Xunta a conmemorar o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.

Así mesmo, tamén defenderá outra pnl para pedir ao Goberno galego que colabore cos municipios na creación de "cemiterios adaptados ás confesións minoritarias" en Galicia, como a musulmá ou a xudía. E é que, segundo indicou, en varias reunións mantidas con membros do grupo popular, representantes destes colectivos trasladáronlles as "dificultades" coas que se atopaban para "algo tan básico como é enterrar aos mortos".

"O PP respecta profundamente o feito relixioso como expresión dunha liberdade fundamental, como é a de culto", manifestou para incidir en que os populares galegos "están onde está a xente". "Imos respectar todas as crenzas, tanto as minoritarias como as maioritarias".

Ademais, o PPdeG tamén preguntará á Xunta sobre a repartición de cotas de pesca no caladoiro cantábrico noroeste, a fixación de poboación no rural, así como pola comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Senado dentro da comisión para o futuro pacto educativo.

OUTRAS MEDIDAS

No próximo pleno, En Marea, ademais de preguntar á Xunta sobre a "ampliación" dos concertos con colexios relixiosos ou que segregan por sexos, defenderá unha moción sobre "desigualdade salarial" e outra sobre a xestión da saúde mental por parte do Goberno galego.

Pola súa banda, o PSdeG centrará as súas intervencións na "procura de consensos" en relación ao pacto de Estado pola educación a través de proposicións non de lei nas que pedirán acordar na Cámara unha posición "común" de Galicia de cara a este acordo, na que participen os grupos parlamentarios e a comunidade educativa. Ademais, entre outras cuestións, tamén se interesarán pola situación das infraestruturas sanitarias de Vilagarcía de Arousa e Cee.

Á súa vez, o BNG defenderá, mediante unha pnl, que se manteña o servizo de Feve entre Ferrol e Ribadeo así como a transferencia da súa xestión á Xunta de Galicia; e preguntará, entre outros temas, polas medidas que prevé adoptar o Goberno galego para evitar que os proxectos de extracción de cuarzo afecten as granxas de Mesía, Frades e Ordes.

Por último, está pendente de aprobación dúas declaracións institucionais sobre os refuxiados e o pobo saharauí que non viron luz verde. Segundo explicou Miguel Tellado preguntado respecto diso, os textos foron presentados na propia Xunta de Portavoces, polo que rexeitou valorar un documento que aínda non tivo "ocasión de ler".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta