Adega e Xunta coinciden na boa saúde dos ríos galegos, a pesar do mal estado dalgúns

A Xunta inicia a creación do primeiro observatorio dos ríos e dotará a cada conca dun plan de conservación e usos. Renova o seu compromiso co Proxecto Ríos e achegará 50.000 euros a Adega para a formación de voluntarios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A calidade da auga dos ríos galegos "non está a empeorar", aínda que algúns, como o Sar e o Limia, están "en mal estado". Así o asegurou este martes a presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, quen puxo o foco sobre a situación dos bosques de ribeira, pois a mala conservación do ecosistema pode conducir á "degradación" do río.

Firma dun convenio da Consellería de Medio Ambiente con Adega
Firma dun convenio da Consellería de Medio Ambiente con Adega | Fonte: Europa Press

Unha opinión que compartiu a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que sinalou que existe "sobreexplotación" dalgúns ríos, que non teñen "a situación máis adecuada", pero fixo valer un informe que revela que o 77 por cento das masas de auga da comunidade está "en bo estado".

Con respecto ao estudo anterior, a mellora --destacou-- é de sete puntos. "Aínda que non nos conformamos", concluíu a conselleira.

A conselleira e a presidenta de Adega reuníronse este martes para reeditar o Proxecto Ríos para a limpeza dos caudais galegos, no que Augas de Galicia investirá uns 50.000 euros para apoiar a formación de voluntarios que leva a cabo a asociación ecoloxista. Unha cita na que Beatriz Mato avanzou que o próximo mes de abril iniciarase a creación do primeiro observatorio dos ríos galegos, ao que seguirá un plan director de cada conca que definirá os plans de preservación das súas ribeiras e a súa fauna e tamén os usos dos cursos fluviais.

"Colaboración" e tirón de orellas

Este "compromiso" da Xunta foi aplaudido pola presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, partidaria de "colaborar" coa administración aínda cando "ás veces" ambas as entidades manteñen "enfrontamentos duros". "Ás veces tírannos das orellas", corroborou, entre risas, a conselleira.

Do Proxecto Ríos, Virxinia Rodríguez resaltou que busca formar á cidadanía na limpeza e o coidado do patrimonio natural, á vez que destacou que son máis de 350 os grupos de voluntarios que se formaron (case 3.600 persoas).

Pola súa banda, a titular de Medio Ambiente agregou que, nesta edición, analizarase tamén a posibilidade de asinar convenios concretos para desenvolver proxectos de custodia fluvial específicos nalgúns ríos ou tramos considerados "prioritarios", sempre dentro da demarcación Galicia-Costa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Lelo

Sen o Proxecto Ríos, os cursos fluviais galegos estarían moito pior, e a ninguén lle importaría... Grazas aos máis de 3500 voluntarios/as e parabéns a ADEGA

1 Xosé

É verdade, se non foran polas iniciativas cidadás, onde e como estariamos. A mágoa é que esta política da xunta de non facer nada, ou como moito un pouco de estética, e deixar que os demais se movan, fai que lle saquen rédito e pareza que traballan por Galicia.