A Fiscalía pide dous anos de prisión para o 'estafador das webs de citas' por un 'sinpa' nun hotel de Meaño

A Fiscalía de Pontevedra solicitou dous anos de prisión para Rodrigo Nogueira, coñecido como o 'estafador das webs de citas' ou 'donjuán', por unha estafa nun establecemento hoteleiro do concello de Meaño, do que se marchou xunto ao seu acompañante sen abonar os 5.062 euros que debían de aloxamento e restaurante.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2017 | Actualizada ás 19:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Pontevedra solicitou dous anos de prisión para Rodrigo Nogueira, coñecido como o 'estafador das webs de citas' ou 'donjuán', por unha estafa nun establecemento hoteleiro do concello de Meaño, do que se marchou xunto ao seu acompañante sen abonar os 5.062 euros que debían de aloxamento e restaurante.

O acusado compareceu este martes no xulgado do Penal Número 1 de Pontevedra, onde tamén o fixo Olga G.G., a muller que lle acompañaba o día dos feitos e para a que a Fiscalía solicita a mesma pena, aínda que ela asegurou ser outra vítima do chamado 'donjuán'. Ambos declaráronse non culpables.

En concreto, o acusado é coñecido polas 66 persoas que aseguraron ser estafadas por el, e o catro causas abertas contra a súa persoa por este motivo. Nos últimos anos serviuse dunha decena de nomes como Roi González Iglesias, Roy Pérez Alonso, Leto Scorssi Delarco, Leonardo Salinas, Alex Bethancourt ou Alex MacLoud, entre outros, para lograr os seus fins.

"Crin que ía pagar ela", aseguraba o acusado ante o xuíz. Rodrigo Nogueira utilizou unha destas identidades falsas para aloxarse durante un mes, entre marzo e abril de 2013, nun hotel de tres estrelas da comarca do Salnés.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía o acusado fixo crer aos responsables do establecemento que tiña capacidade económica e solvencia para afrontar os gastos que estaba a facer.

En concreto, presentouse como empregado dunha importante empresa de tecnoloxía que estaba a realizar un traballo para un resolver un problema que creara un 'hacker' na Subdelegación do Goberno de Pontevedra. Tal foi a confianza xerada, que mesmo lle pediron que arranxase un erro nos computadores do establecemento.

Rodrigo Nogueira atópase en prisión provisional desde hai unhas semanas tras ser detido na localidade de Alcázar de San Juan. O xuíz ordenou o seu ingreso en prisión para asegurarse de que este martes estivese sentado no banco dos acusados en Pontevedra.

OUTRAS VÍTIMAS

Ao edificio dos xulgados tamén acudiron algunhas mulleres que aseguran ser vítimas de Rodrigo. Gloria Marzo e Geni Domínguez viaxaron ata Galicia porque querían estar presentes nesta vista oral.

"É un psicópata parasitario que xera un modo de vida aproveitándose de diferentes vítimas", criticaron, aludindo á definición que lles fixo un psicólogo criminalista, aínda que segundo o seu propio testemuño trátase dun "mentireiro compulsivo" ou mesmo un "encantador de serpes". "Estamos a estudar unha denuncia colectiva", apuntaron.

O relato que contan todas estas mulleres é moi parecido. Contacta a través dunha web de citas (Badoo, Adopta un tío ou mesmo en Facebook), atráeas, inician unha relación sentimental e el indícalles que está a atravesar algunha dificultade económica, para lograr un préstamo de cartos. Unha vez empezaban as sospeitas, o acusado cortaba a relación.

Unha vez concluído o xuízo de hoxe o acusado foi posto en liberdade e o casou quedou visto para sentenza.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta