Breo, triunfo sufrido e coliderado

O Cafés Candelas Breogán vence na prórroga 90-84 a Clavijo en partido aprazado e empata con Gipuzkoa e Burgos no alto da táboa con 20 vitorias e a falla de cinco xornadas de Liga. O sábado, derbi en Marín co Peixe Galego.

Por gcdeportes | Lugo | 28/03/2017 | Actualizada ás 23:54

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CB Breogán 90:
Lobito Fernández (11), Rafa Huertas (14), Salva Arco (16), Fakuade (12), Matt Stainbrook (11) –cinco inicial- Iván Cruz (17), Gilling (2) e Sergi Quintela (7).
CB Clavijo 84: Enric Garrido (7), Pressley (7), Ruiz de Galarreta (8), Bonifant (11), Olumuyiwa (11) -cinco inicial- Carles Bravo (17), Norris JR (20), Alberto Martín (3).
Parciais:19-25, 25-11 (44-36), 18-15, 11-22 (73-73), 17-11 (90-84).
Árbitros: Javier Torres Sánchez e Cristian García Rodríguez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Michael Fakuade nos lucenses e a Enric Garrido nos rioxanos.
Incidencias: partido aprazado da 18ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial de Deportes de Lugo. Minuto de silencio polo falecemento de Pablo Casado, técnico lucense na tempada 1985/86, na que o Breo chegou ata cuartos de final da Korac.

Puido ser ante CB Clavijo unha vitoria cómoda (+14 no terceiro cuarto), pero ao Breo entráronlle as dúbidas no último acto (11-22) e acabou sufrindo para sumar a 20ª vitoria na prórroga tralo 73-73 dos primeiros corenta minutos. Ao final, 90-84 con tan só oito xogadores, pola baixa de Josep Franch e a imposibilidade de contar con Thomas Bropleh e Mario Cabanas, que chegaron ao final do mercado, despois da disputa da 18ª xornada. Destacaron nos lucenses Matt Stainbrook, con 11 puntos e 9 rebotes, e Iván Cruz, 17 e 9. E Salva Arco, que asumiu os galóns de capitán no tempo extra, con 6 puntos consecutivos no arrinque do tempo extra.

Non houbo defensas no comezo, e cada ataque era unha canastra. Tras catro minutos, 10-8. O Breo abriu un pequeno oco tras catro puntos de Matt Stainbrook (14-9), pero apareceu Andre Norris, que con dúas triplas e 9 puntos deulle a volta ao marcador. Dun 18-15 ao 19-25 tras dez minutos e cun parcial rioxano de 1-10.

Clavijo acadou a máxima diferenza (19-27), pero liderado por Sergi Quintela, o Breo apertou en defensa e acadou un parcial de 7-0. Tras unha canastra de Galarreta (26-29), apareceu un excelso Iván Cruz, que sumou 12 puntos consecutivos con dúas triplas sen erro. Fakuade tomou a testemuña e Breogán abriu fenda ao descanso: 44-36.

Foi o terceiro un cuarto con moitas imprecisións e case sen intensidade. Con dúas triplas de Rafa Huertas e outra de Salva Arco, Breogán mantiña a diferenza por riba dos dez puntos. Tras un 2+1 de Stainbrook, a máxima, de 14 puntos. Ao remate do terceiro cuarto, 62-51 tras unha técnica a Antonio Pérez, técnico galego dos visitantes.

Pero o Breo perdera a intensidade, e o Clavijo, con defensa en zona, meteuse pouco a pouco no partido. Natxo Lezcano parou o partido tras unha tripla de Norris (65-57). Pero o parcial chegou a 2-12, e Lezcano parou de novo o partido con 67-65. Con catro tiros libres de Carles Bravo, Clavijo empatou o partido a 45 segundos do final. Un erro de Lobito Fernández propiciou o 71-73 de Norris. Salva Arco empatou (73-73) e os rioxanos erraron a última posesión de 17 segundos.

No arrinque da prórroga, Salva Arco asumiu o mando e deu confianza aos lucenses con 6 puntos consecutivos. Iván Cruz e Rafa Huertas, tras unha técnica a Garrido por protestar unha falta nun lanzamento triplo, puxeron o 84-75 que semellaba definitivo. Clavijo púxose a catro (80-76), pero os lucenses sentenciaron dende o tiro libre: 90-84.

Michael Fakuade anota baixo a canastra do Clavijo.
Michael Fakuade anota baixo a canastra do Clavijo. | Fonte: Pat Muñoz

Sergi Quintela busca o aro rival nunha entrada coa esquerda.
Sergi Quintela busca o aro rival nunha entrada coa esquerda. | Fonte: Pat Muñoz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta