Piden sinalizar outras 22 estradas secundarias da Coruña para seguridade dos ciclistas

Roberto Rilo, do colectivo Crunia, preséntalle ao presidente da Deputación, unha lista de 22 tramos que cobren máis de 180 quilómetros.

Por Erik Dobaño | A Coruña | 30/03/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Valentín Formoso, presidente da Deputación provincial, comprometeuse co presidente da Asociación de Ciclistas Crunia, Roberto Rilo, a continuar coa sinalización vertical específica orientada á protección de ciclistas nas estradas de titularidade provincial. 

Sinais advertindo da presenza de ciclistas nas estradas
Sinais advertindo da presenza de ciclistas nas estradas | Fonte: E.D.

Acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Daniel Grandío, con quen coincidira este mes na Palestra organizada por EntreNós e outros diarios dixitais na Ágora, Rilo entregou unha lista de 22 tramos situados noutras tantas estradas comarcais. Os sinais cubrirían un total de 188 quilómetros de vías moi frecuentadas polos ciclistas para advertir aos automobilistas que en cada adiantamento a un ciclista deben gardar unha distancia mínima de 1,5 metros entre o vehículo e a bicicleta.

No documento, Crunia aconsella ademais como instalar esa sinalización. Pide un panel informativo en cada dirección a uns 500 metros do principio e do final do tramo, ademais dun sinal triangular no segundo quilómetro e a partir de aí, outro cada 3 quilómetros. E piden que se sitúen en lugares visibles, preferentemente ao final dunha subida.    

Segundo explica Roberto Rilo, desde a propia deputación suxeriuse a posibilidade de construír un carril bici nalgunha destas estradas cando o ancho da calzada e a súa situación así o aconselle.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta