Temas: CANS CINE

O Festival de Cans busca patrocinios tras quedar fóra das axudas da Xunta

O festival de cine quere "volver á normalidade" tras a "convulsión" que supuxo a decisión da Agadic de deixalo sen axudas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2017 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O Festival de Cans trata de "volver á normalidade" tras a "convulsión" que supuxo a decisión da Agadic de deixalo fóra das súas axudas, unha cuestión que a entidade ten recorrida e fronte á que, ademais, busca patrocinios privados para facer este ano unha proposta "digna".

Festival de Cans. Foto de Rafa Costas
Festival de Cans. Foto de Rafa Costas

A organización do festival indicou que seguen "reordenando a súa programación e tentando facer unha proposta o máis digna posible", á vez que continúa o seu recurso, xunto coa Coordinadora de Festivais, para "tratar de liquidar esta situación anómala e completamente inédita".

Neste recurso, o festival presentará a través do seu avogado o documento que xustifica o rexistro do intento de acceso que fixo á sede electrónica da Xunta días antes de pechar o prazo para solicitar estas axudas, así como as alegacións pertinentes, dado que a documentación "foi enviada no prazo de tempo correspondente", alegan.

Ante esta "delicada situación", o Festival de Cans "trata de buscar a contrarreloxo patrocinadores privados cos que poida cubrir a parte do orzamento que perdeu ao non contar con esas axudas", unha acción na que se enmarca tamén a campaña 'Apadriña ou amadriña un jalpón', aberta a calquer particular ou entidade.

CAN PARADE

Mentres non se soluciona esta situación, o festival segue adiante pondo en marcha "as actividades que pode asumir". Desde este xoves queda aberto o prazo do Can Parade, a súa cita anual coa arte e os creadores máis novos, que este ano cambiará a súa localización trasladándose á Praza do Concello.

As persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 28 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos.

A través desta iniciativa, o festival convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a "decorar libremente a silueta do seu emblema oficial", o Can de Cans, sen "ningún tipo de restricións técnicas nin materiais".

Temas: CANS CINE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Laura

Abrindo conta á cidadanía xa e entre todo o pobo non asoballado seguiremos dándolle vida ao mellor e máis internacional Festival Galego de Cinema.